Decrecemento: Ferrolterra noutro modelo Económico, ... Relatorio de Manuel Rivera Iglesias

Por Manuel Rivera Iglesias (presidente da Asociación de Economía Social Briante e promotor da Cooperativa intercultural Armeria).

O Decremento e os estereotipos

Utilizar o concepto do Decrecemento fora do círculo de estudosos e activistas que están afeitos a traballar con el é todo un reto, un reto perigoso se temos en conta que vivimos nunha sociedade cuns medios de comunicación de masas que favorecen a uniformidade de valores, e pautas culturais estándares baseadas en moitas ocasión en estereotipos. Os estereotipos mediante imaxes mentais simplificadas e superficiais permítennos organizar a nosa información sobre o que pasa ao noso derredor. Convértense nunha forma común e en certa forma “natural”, de falar nun grupo de xente coa que nos relacionamos.
O problema está en que os estereotipos serven para defender un modelo de economía e un sistema de valores, so temos que reflexionar criticamente sobre as frases feitas, os chistes e bromas referidos a mulleres, migrantes, razas .... De xeito continuado recibimos dende a televisión, a publicidade, e mesmo da escola, os amigos a familia ... estereotipos de consumo material, beleza e moda que condicionan profundamente a nosa visión sobre a realización persoal asociándoa co consumo, e o acaparamento de bens materiais. Neste contexto, o conxunto de ideas agrupadas en torno ao concepto de “decremento” teñen unha resposta inmediata e estereotipada, a idea é que ningunha persoa “normal” que pretenda vivir dignamente buscando a felicidade e o “progreso” da súa familia pode “escoitar” estas ideas que son cousa de catro fora da realidade. Agora mesmo, en plena crise sistémica do modelo, as propostas que escoitamos son as de gañar a confianza dos mercados facilitando o despido dos traballadores, eliminando as conquistas sociais en Educación e Sanidade, reforzar o rescate financeiro da banca tradicional e reducir a protección social das persoas mais desfavorecidas polo sistema. Todo isto como paso previo ineludible para fomentalo “crecemento” económico.

Todos sabemos que o modelo de Crecemento ilimitado e inviable, os planes de recuperación económica en base a fomentar o consumo material, o proceso acelerado de acumulación de riqueza ilimitada en mans dunha minoría, as grandes obras faraónicas (Cidade da cultura, porto exterior por duplicado, aeroportos por triplicado ...) pero seguimos escoitando día tras día as mesmas propostas e linguaxe estereotipado.

Entendo o decrecemento “o proceso para construír un mundo sostible”, como un lugar de encontro para as persoas críticas co modelo actual de crecemento/recesión e todas aquelas que queren deseñar os contornos dun proxecto alternativo. Neste espazo teremos que establecer como podemos construír unha sociedade sostible.

Que poden aportan as Iniciativas de Economía Solidaria a unha mais sociedade sostible 

Nas décadas dos 80 e 90 emerxe un movemento difuso pero concreto de economías solidarias en diferentes países e continentes, en resposta ao desmonte das conquistas dos traballadores pola forma neoliberal do capitalismo. Xorden con diferentes nomes pero teñen en común un fin : O desenvolvemento integral das persoas e un medio "a xestión eficiente de proxectos sostibles". Nas décadas dos 80 e 90 emerxe un movemento difuso pero concreto de economías solidarias en diferentes países e continentes, en resposta ao desmonte das conquistas dos traballadores pola forma neoliberal do capitalismo.

En Galiza temos a APES (Asociación para a Economía Social) con importante presencia en Pontevedra. En Ferrolterra nace en 1995 a Cooperativa Educacional Terra de Trasancos con seccións de medio ambiente, proxectos, troco … No ano 2000 xurde AES briante, unha asociación sen ánimo de lucro que fomenta a innovación social dende unha metodoloxía solidaria, participativa e cooperativa. Entre os seus obxectivos está o fortalecemento das redes sociais, a integración social e laboral de rapaces e outros colectivos con dificultades de inserción. Así como participar e apoiar ás entidades de desenvolvemento local e outras formas de organización económica democrática.

As iniciativas de Economía Solidaria están enmarcadas nunha visión común.

Marcos Arruda as sintetiza:

A Socioeconomía Solidaria (SES), xunto con outras expresións distintas pero equivalentes, como economía social solidaria, economía solidaria, economía do traballo, etc, recoñece ao xénero humano, tanto ao ser individual como ao ser social, non só como creadores e produtores de riqueza económica, senón tamén como copropietarios de riqueza material, usuarios de recursos naturais, e responsables de xeito conxunto pola conservación da Natureza. A Socioeconomía Solidaria loita por producir e compartir entre todos riqueza material suficiente para xerar condicións sostibles para un desenvolvemento autoxestionario de tódolos membros da sociedade, os pobos e o planeta.

Hai os que ven a Economía Solidaria e o cooperativismo como medios para compensar e mitigalas consecuencias negativas do sistema do capital globalizado sobre mulleres e homes traballadores. A Socioeconomía Solidaria vai mais alá, proponse como un sistema económico alternativo, que se centra nas persoas e nos seus anhelos por dar unha solución as súas necesidades individuais, familiares, sociais e colectivas, nunha relación harmónica coa natureza e a sociedade, como partes do sistema planetario no que se desenvolve.

A Economía Solidaria tivo e ten unha expansión notable e hoxe en día xorden iniciativas de produción de bens e servizos, mercados sociais, redes e foros constantemente. Desenvólvense en tódolos continentes e a medida que maduran vanse constituíndo redes de iniciativas de produción, consumo, finanzas ... Ademais de REAS existen redes intercontinentais (RIPESS – Rede Intercontinental de Promoción de la Economía Social Solidaria RIPESS), (ALOE – Alianza por una Economía Responsable, Plural y Solidaria), redes nacionais (Perú, Brasil, México, Ecuador, etc.), rexionais (Provincia de Québec/Canadá – Foro de Economía Social), continentais (Asia – Foro Asiático de ES, América Latina e Caribe – Rede Latinoamericana de Socioeconomía Solidaria, ...).

As "Iniciativas Empresariais solidarias" son proxectos de produción de bens e servizos organizadas por un grupo solidario, cunha misión e unha práctica ao servizo do desenvolvemento humano e comunitario caracterizado por ser: xusto, sostible e participativo.

As organizacións que participan no movemento da Economía Solidaria e en particular en REAS comparten a Carta da Economía Solidaria, concretamente os 6 principios.

Equidade: Introduce na iniciativa empresarial un principio ético de igualdade . “Recoñecemento da diferencia e diversidade dende a igualdade de dereitos”, “Prezo xusto”, “igualdade de oportunidades”, ”dereito á participación”, "dereito a información”, ...

Traballo: Recuperar a dimensión humana do traballo. Para as iniciativas de produción “As persoas e a calidade de vida son o centro da Economía solidaria”. Recuperar a dimensión social, política e económica do traballo.

Cooperación: Fomentalo traballo en equipo entre persoas e organizacións. A cooperación en lugar da competencia, xerando redes.

Sen ánimo de lucro: Buscamos o reinvestimento, a redistribución, a sostibilidade económica, e o aforro en Banca ética e finanzas solidarias. Unha rede sen ánimo de lucro tanto no Balance financeiro como no Balance social, polo tanto ten en conta aspectos humanos, sociais, medioambientais, culturais e participativos.

Sostibilidade ambiental: Toda a actividade produtiva ten que estar en harmonía coa natureza.

Obxectivos: reducir significativamente a pegada ecolóxica humana en tódalas actividades produtivas. Fomentala soberanía alimentaria, fomentala biodiversidade e a recuperación, mellora e restauración do deteriorado evitando a depreciación programada das grandes empresas.

Compromiso co contorno: Concrétase na participación activa no desenvolvemento comunitario e sostible do territorio. Mediante a cooperación e participación en redes como a posta en marcha do mercado social local.

A Economía Solidaria en Galicia

Nestes últimos anos en Galicia dimos un gran paso adiante, o mais sinalado foi: O desenvolvemento da Banca Ética Galega, coa constitución o 30 de maio do 2009 de Coop 57 Galiza a quinta sección territorial –despois de Cataluña, Aragón, Madrid e Andalucía– un proxecto cooperativo de finanzas solidarias que medra en rede e horizontalmente, que destina os seus recursos propios a dar préstamos a proxectos de economía social que promovan a ocupación, fomenten o cooperativismo, o asociacionismo e a solidariedade en xeral, e promovan a sostibilidade sobre a base de principios éticos e solidarios. No acto constituínte, participaron ata 16 entidades do mundo cooperativo e asociativo galego e os 25 primeiros socios e socias colaboradores.

A constitución de FIARE Galicia, 16 de xaneiro do 2010, nace despois de varios encontros promovidos por AIS “O Peto”, e con mais de catorce asociacións comprometidas.

Reforzase REAS Galicia, na actualidade está formada por entidades pertencentes aos sectores de produción e transformación ecolóxica, comercialización de produto ecolóxico e comercio xusto; tecnoloxías da información e a comunicación; deseño gráfico; bioconstrución; inserción sociolaboral; difusión, animación e produción cultural e educativa; artesanía; e apoio ao cooperativismo.

O xurdimento dunha rede de cooperativas de consumo consciente en toda Galicia, está posibilitando a constitución dunha Unión de cooperativas de Consumo consciente. Vai ser outro paso importante na vertebración dunha rede.

Mais somos un xigante con pes de barro, temos unha importante debilidade, a escasa participación social pois necesitamos masa crítica, incrementar de forma significativa a xente que participa na actividade, temos un problema cultural grave, temos unha cultura neoliberal profunda que estanos a impedir implicarnos mais activamente en movementos de Economía alternativa, se conseguiramos que as persoas que participan en movementos progresistas crearan un plan de aforro na banca ética teriamos unha importante ferramenta de transformación social, isto permitiría aos movementos sociais financiar iniciativas emprendedoras e crear un mercado social a nivel de toda Galicia. Por mercado social entendemos unha rede de produción, distribución e consumo de bens e servizos, que funciona con criterios democráticos, ecolóxicos e solidarios nun territorio determinado, e que está constituída, tanto por empresas sociais como por cidadáns conscientes, colectivos (asociacións de veciños, culturais ... ) e institucións como Concellos, e Institutos .

A Economía Solidaria en Ferrolterra

En Ferrolterra queremos fomentar unha rede de Economía solidaria ampla que posibilite que calquera persoa participe nunha rede de Economía solidaria, desgraciadamente temos unha debilidade importante igual que no resto de Galicia, o noso Capital Comunitario está baixo mínimo, temos persoas moi implicadas pero non temos a masa crítica suficiente aínda hoxe para promover iniciativas comunitarias. Teremos que ir pouco a pouco traballando nesta limnea, montando unha rede de iniciativas locais, creando emprego digno ao servizo da comunidade, producindo bens e servizos que melloren a calidade de vida da comunidade local.

Neste momento temos en Ferrolterra, cooperativas, asociacións, colectivos e persoas moi diferentes pero que están traballando no tecido social do Territorio, é moi importante para o futuro integrarnos nun espazo colectivo onde todos poidamos sentirnos potenciados e construír unha axenda colectiva.

Para que xuntarnos e desenvolver este proceso de Economía en rede en Ferrolterra?

Alguén pode pensar que é un mal momento, que o poder político non esta para favorecer a participación colectiva e sen axuda pública, tratarase dun esforzo inútil; outro argumento é que aínda levamos ao lombo un macuto cheo de sectarismo e medo a perder a identidade persoal e/ou grupal, tampouco podemos desdeñar a resistencia ao cambio e a falla de iniciativa emprendedora cando o beneficio é social e non persoal. Mais este é o momento que nos toca vivir, e como comunidade temos que afrontalo reto de cambiar este modelo económico que esta metendo a Ferrolterra, nun proceso imparable de desemprego, precariedade laboral e exclusión social. Temos que establecer alianzas entre os movementos sociais, a economía social e os pequenos empresarios locais, que nos permitan xerar emprego e/ou mellorar a calidade de vida creando bens públicos (bens, servizos e valores ao servizo de todos en igualdade de calidade e cantidade, é que non se poden comprar e vender en ningún mercado). O camiño pasa polo fomento de iniciativas emprendededoras locais que cubran entre outros os servizos á terceira idade, infancia, limpeza e mantemento, arquitectura e accesibilidade, animación sociocultural, xestión de residuos, reutilización e reciclaxe, ecomensaxería, novas tecnoloxías e software libre, formación e asesoría, Intermediación social e laboral, produción agroecolóxica .... participando activamente na banca ética, desenvolvendo os seguros éticos nos proxectos solidarios; estudar a posibilidade de incorporar unha moeda social en Ferrolterra como ferramenta que loite contra a exclusión e marxinación de moitas persoas que senten como os seus servizos e produtos son desprezados sistematicamente polos mercados, unha moeda social que xunto aos bancos de tempo serva para axudar a satisfacer as necesidades básicas, e realizar as “capacidades“ -todo aquilo que unha persoa queira e sexa capaz de facer ou ser-. Participar na vida comunitaria forma parte destas "capacidades”. Aumentala "produción" de bens relacionais -a solidariedade, a empatía, a amizade ...- , que poden consumirse sen prexudicar aos demais nin ao medio ambiente. Este é o reto que penso que nos traemos entre mans, e temos que facelo de xeito ecoloxicamente responsable, reducindo o gasto de enerxía; rebaixando a pegada ecolóxica, reducindo as operacións de transporte -son responsables dun 30 % das emisións de C02-, fomentando a permacultura, apoiando a agricultura tradicional no proceso de conversión en agricultura ecolóxica, minimizando o uso dos derivados do petróleo. Temos que reconverter o modo de produción, reorientar a investigación tecnocientífica e consumir dun xeito mais sostible e socialmente xusto.

Fontes:
  • Empresas e iniciativas de producción solidaria REAS Euskadi
  • Latouche Serge La apuesta por el decrecimiento Ed. Icaria &Antrazyr
  • Jacobs M. La Economía Verde Ed. Icaria
  • Fernandez A. Rivera M . Emprendedores Solidarios Premio Nacional Educación para el desarrollo “Vicente Ferrer” ED. AECID
Webs e Videos:

Nota.-

Intervención Manuel Rivera Iglesias, presidente da Asociación de Economía Social Briante e promotor da Cooperativa intercultural Armeria.

A primeira hora da tarde do Sábado 24 de Setembro de 2011, comezaba a Terceira Mesa da segunda xornada do Foro Social de Ferrol Terra. A Terceira Mesa refería-se a: "Ferrol Terra noutro modelo produtor e enerxético.
A enerxía necesaria. De que vivimos e de que queremos vivir. Soñar a comarca desde o decrecemento".

A Mesa foi presentada por Manuel R. Carballeira, coordenador do Comité Cidadá de Emerxéncia e presidente da A.C. Fuco Buxán. Participaron nesta Terceira Mesa tamén Xoán Ramón Doldán García, profesor de economía aplicada e ecoloxista e Isabel Vilalba Seivane, activista sindical agraria, do movimento internacional agrario 'La Via Campesina', xunto con Manuel Rivera Iglesias que falou en segundo lugar despois de Xoán Ramón Doldán. Este texto que agora acabamos de postar publicarase nun libro que vai editar o Consello Local do Foro Social de Ferrol Terra, para a difusión da ideas, reflexións e propostas d@s 19 relatorxs que participaron.

Tamén está previsto publicar as intervencións en vídeo -en dúas versións e ángulos diferentes, das cais xa hai algunha publicada, ademais das sonoras xá publicadas por Rádio Filispim e que no seu día xa reproducimos, neste blogue, xunto ás Galerías Fotográficas.

Enlaces de interese:

Biografía de Manuel Rivera no Blogue do Foro
forosocialdeferrolterra

Facebook de Manuel Rivera
www.facebook.com

Manuel Rivera no buscador de Google
google

Webs e videos de interese onde participa Manuel
Portal de Economía Solidaria
http://www.economiasolidaria.org
AES briante
http://www.briante.org/
RIPPES
http://www.ripess.org/qui-sommes-nous/
ALOE
http://aloe.socioeco.org/index_es.html

Contacto:
rivera@briante.org
manolorivera99@gmail.com

Banca Ética:
Asociación Fiare Galiza
http://fiaregz.wordpress.com/
Coop'57 Galiza
http://www.coop57.coop/galicia/

||||||||||||||||||||||