Ana Belén Puñal Rama

Ana Belén Puñal Rama, é licenciada en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).

En 1999 comezou a traballar na revista TEMPOS Novos, onde exerceu como redactora e coordinadora de contidos ao longo destes anos.

É investigadora en Comunicación e Xénero no departamento de Ciencias da Comunicación da USC e membro do grupo de investigación CIDACOM en dita universidade e do seminario Comunicación e Xénero integrado no mesmo. Doutorada na Facultade de Ciencias da Comunicación, en 2001 obtivo o título de suficiencia investigadora cun estudo sobre a imaxe das mulleres na prensa galega dende a transición até o 1999.

Sobre esa mesma temática está a desenvolver na actualidade a súa tese de doutoramento. Foi coordinadora técnica da primeira e da segunda edición das xornadas "Violencia contra as mulleres e medios de comunicación", organizadas polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en 2004 e 2005. Participou na redacción da Declaración de Compostela sobre o correcto tratamento da violencia contra as mulleres nos medios de comunicación promovida dende o Observatorio Galego dos Medios, integrado no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Foi coordenadora de contidos do I Foro Internacional en Comunicación e Xénero organizado polo Observatorio dos Medios en 2006. Tamén participou como organizadora e docente en diversas xornadas e cursos organizados tanto polo Seminario Comunicación e Xénero da USC como polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. En relación co seu tema de investigación, Comunicación e Xénero, realizou dúas estadías de investigación: na Universitát Autónoma de Barcelona, coa profesora Amparo Moreno, e na Universidad Nacional Autónoma de México, coa profesora Aimée Vega Montiel.

É, así mesmo, membra do Observatorio sobre Muller e Conflictos Armados, do IGESIP (Instituto Galego de Estudos de Seguranza Internacional e da Paz).

Pode contactar con Ana Belén Puñal Rama no enderezo electrónico bpunal@xornalistas.com.

Fonte: Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

||||||||||||||||||||||||||||||