Xesús Díaz Díaz

Xesús Díaz Díaz -Suso Díaz, nasce no ano 1944 en Ferrol. Obreiro xubilado de ASTANO, activista sindical e analista político.

Ingresou como aprendiz en ASTANO en 1958, daquela tiña 14 anos de idade. Con motivo da negociación do primeiro convenio colectivo de Astano, participou na súa primeira folga no ano 1962 e dende 1966 nas clandestinas Comisións Obreiras do estaleiro de Fene (en Ferrol). Detido en 1969 pasou ao Tribunal de Orden Público (TOP) acusado de pertencer as ilegais CC.OO. O indulto de Franco para sacar do cárcere aos directivos da empresa barcelonesa MATESA -incurriran nun desfalco de moitos millóns de pesetas en subvencións públicas á exportación- levou ao sobreseimento do xuízo  dos acusados de pertencer a CCOO, tras os sucesos do 10 de Marzo de 1972 foi novamente detido e permaneceu dous meses no cárcere d'A Coruña. Tralas eleccións sindicais de 1975 foi membro do xurado de empresa de ASTANO e director do xornal 'A voz do traballo' -Boletín de información interior da Xunta Sindical de ASTANO (1976), e pertenceu á coordinadora de Ferrol de CC OO. Promoveu numerosos actos culturais opositores ao réxime fascista dende a Sociedade C.D.R. Bertón e o Círculo de Perlío. Foi tamén secretario do cineclub Concepción Arenal de Ferrol coa presidencia de José Torregrosa. Trala legalización do sindicato, foi secretario de información e formación en Ferrol e secretario de acción sindical na provincia da Coruña (1977/79), do Sindicato Nacional (1979/83) e da Federación do Metal de Galicia (1983/89). Foi secretario do Sindicato Nacional (1989/2000), membro da comisión executiva e do consello confederal de CCOO e presidente de Consello Interrexional Galicia-Norte de Portugal (1999/2000). Foi fundador da Galeuzca sindical de CCOO con Cataluña e Euzcadi. No plano político foi membro da comisión executiva e do comité central do PCG e da comisión executiva e do consello de Esquerda Unida de Galicia. Na súa etapa, como Secretario Xeral, puxéronse os alicerces da Fundación Paz e Solidariedade, dos CITE, de Forem e da Fundación 10 de Marzo. Ao tempo, instituíron-se os Premios 10 de Marzo e o Parlamento recoñeceu esta data como Día da Clase Obreira Galega. Presidiu a Fundación Cultural 10 de Marzo. Esta última entidade, xunto ao Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) entregaron-lle, en Santiago de Compostela, un dos Premios 10 de Marzo da edición 2010. Perante o bipartito participou dúas temporadas como tertuliano no informativo da noite da Radio Galega “A Crónica” dirixido polo periodista ferrolán Tino Santiago e na actualidade podemos podemos ler os seus numerosos e interesantes ecritos en diferentes xornais da Galiza e no sitio na rede da Asociación Cultural Namentras d'A Coruña, asociación á que pertence.

Fontes: Propia, da EGU de Ir Indo e do SN de CCOO.

Moitos dos seus últimos artigos foron publicados en:

|||||||||||||||||||||||||||