Carta de Principios

O Foro Social de Ferrol Terra orienta-se e repecta os principios xerais relacionados e explicados na Carta de Principios do FSM. Toda organización social de Ferrol Terra que queira participar no Consello Local do FSdeFerrolTerra deberá respectar a seguinte:

Carta de Principios do Foro Social Mundial -FSM.

O Comité de entidades brasileiras que organizou o primeiro Foro Social Mundial, realizado en Porto Alegre do 25 ao 30 de Xaneiro de 2001, considera necesario e lexítimo, despois de analizar os resultados de dito Foro e as expectativas por el creadas, establecer una Carta de Principios que oriente a continuidade desa iniciativa. Os principios que constan na Carta –que deberán ser respectados por todos os que desexaren participar do proceso e por aqueles que sexan membros da organización das novas edicións do Foro Social Mundial– consolidan as decisións que presidiron o Foro de Porto Alegre, que garantiron o seu éxito e ampliaron o seu alcance, definindo orientacións que parten da lóxica desas decisións.
  1. O Foro Social Mundial é un espazo aberto de encontro para: intensificar a reflexión, realizar un debate democrático de ideas, elaborar propostas, establecer un libre intercambio de experiencias e artellar accións eficaces por parte das entidades e os movementos da sociedade civil que se opoñan ao neoliberalismo e ao dominio do mundo polo capital ou por calquera forma de imperialismo e, tamén, empeñados na construción dunha sociedade planetaria orientada cara a unha relación fecunda entre os seres humanos e destes coa Terra.
  2. O Foro Social Mundial de Porto Alegre foi unha realización colocada dentro do seu tempo e espazo. A partir de agora, baseándose na proclamación que xurdiu en Porto Alegre de que "outro mundo é posíbel", o Foro convértese nun proceso permanente de procura e construción de alternativas, non limitándose exclusivamente aos eventos que lle dean apoio.
  3. O Foro Social Mundial é un proceso de carácter mundial. Todos os eventos que se realicen como parte deste proceso terán unha dimensión internacional.
  4. As alternativas propostas no Foro Social Mundial contrapóñense a un proceso de globalización, comandado polas grandes empresas multinacionais e polos gobernos e institucións que serven aos seus intereses, coa complicidade dos gobernos nacionais. Estas alternativas xurdidas no seo do Foro teñen como meta consolidar unha globalización solidaria que, como unha nova etapa na historia do mundo, respecte os dereitos humanos universais, a todos os cidadáns e cidadás de todas as nacións e ao medio ambiente, apoiándose en sistemas e institucións internacionais democráticos que estean ao servizo da xustiza social, da igualdade e da soberanía dos pobos.
  5. Foro Social Mundial reúne e artella a entidades e movementos da sociedade civil de todos os países do mundo, pero non pretende ser unha instancia de representación da sociedade civil mundial.
  6. As reunións do Foro Social Mundial non teñen un carácter deliberativo. Ou sexa, ninguén estará autorizado a manifestar, en nome do Foro e en calquera dos seus encontros, posicións que foran atribuídas a todos os seus participantes. Os participantes non deben ser chamados a tomar decisións, por voto ou aclamación –como conxunto de participantes do Foro– sobre declaracións ou propostas de acción que inclúan a todos ou á súa maioría e que se propoñan a ser decisións do Foro como tal.
  7. Por conseguinte, debe asegurarse que as entidades participantes dos encontros do Foro teñan a liberdade de deliberar –durante a realización das reunións– sobre declaracións e accións que decidan desenvolver, illadamente ou de forma artellada con outros participantes. O Foro Social Mundial comprométese a difundir amplamente esas decisións, polos medios ao seu alcance, sen direccionamentos, xerarquizacións, censuras ou restriccións, aclarando que son deliberacións das propias entidades.
  8. O Foro Social Mundial é un espazo plural e diversificado, non confesional, non gobernamental e non partidario, que artella de maneira descentralizada e en rede a entidades e movementos que estean implicados en accións concretas pola construcción dun mundo diferente, local ou internacional.
  9. O Foro Social Mundial sempre será un espazo aberto á pluralidade e á diversidade de actuación das entidades e movementos que queiran participar, ademais de aberto á diversidade de xéneros, etnias, culturas, xeracións e capacidades físicas, desde que sexa respectada a Carta de Principios. Non deben participar no Foro representacións partidarias nin organizacións militares. Poderán ser invitados a participar, con carácter persoal, gobernantes e parlamentares que asuman os compromisos desta Carta.
  10. O Foro Social Mundial oponse a toda visión totalitaria e reducionista da economía, do desenvolvemento e da historia e ao uso da violencia como medio de control social por parte do Estado. Propugna o respecto aos Dereitos Humanos, a práctica dunha democracia verdadeira e participativa, as relacións igualitarias, solidarias e pacíficas entre as persoas, etnias, xéneros e pobos, condenando todas as formas de dominación ou de submisión dun ser humano a outro.
  11. O Foro Social Mundial, como espazo de debates, é un movemento de ideas que estimula a reflexión e a divulgación transparente dos resultados desa reflexión sobre os mecanismos e instrumentos de dominio do capital, sobre os medios e as accións de resistencia e de superación dese dominio, sobre as alternativas propostas para solucionar os problemas de exclusión e desigualdade social que están sendo creados, tanto internacionalmente como no interior dos países, polo proceso de globalización capitalista, coas súas dimensións racistas, sexistas e destructivas do medio ambiente.
  12. O Foro Social Mundial, como espazo de intercambio de experiencias, estimula o mutuo coñecemento e o recoñecemento por parte das entidades e movementos participantes, valorando o intercambio, en especial daquilo que a sociedade constrúe para centrar a actividade económica e a acción política na atención ás necesidades do ser humano e o respecto pola natureza, tanto para a xeración actual como para as futuras.
  13. O Foro Social Mundial, como espazo de articulación, busca fortalecer e crear novas articulacións nacionais e internacionais, entre entidades e movementos da sociedade, que aumenten, tanto na esfera pública como na privada, a capacidade de resistencia social non violenta ao proceso de deshumanización que vive o mundo e á violencia utilizada polo Estado, ademais de fortalecer aquelas iniciativas de humanización que están en curso a través da acción deses movementos e entidades.
  14. O Foro Social Mundial é un proceso que estimula ás entidades e movementos participantes a que coloquen as súas accións locais e nacionais xunto ás instancias internacionais, como cuestións de cidadanía planetaria, introducindo na axenda global as prácticas transformadoras que estean vivenciando para a construción dun novo mundo máis solidario.
Aprobada e adoptada en São Paulo, o 9 de abril de 2001, polas entidades que constitúen o Comité de Organización do Foro Social Mundial. Aprobada con modificacións polo Consello Internacional do Foro Social Mundial o día 10 de xuño de 2001.


||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||