A filosofía da vida boa, ... relatorio de Manuel Miragaia Doldán

Por Manuel Miragaia Doldán, activista social, escritor e filósofo.

A filosofía da vida boa

Preguntas para a reflexión:
  • Que cousa é vivir ben?
  • Como podemos vivir?
  • A vida individual e a vida colectiva.
  • Que cambiar e que conservar para ter unha boa vida?
Na vida cotiá, o ser humano non só contempla e teoriza a súa experiencia, senón que tamén intervén sobre ela. Inmerso no mundo natural e social, leva a cabo diferentes tipos de accións que transforman o seu medio e tamén a si mesmo. Nestes casos xa non adopta unha disposición distanciada e reflexiva cara á súa experiencia, como sucede na actividade teórica, senón que se atopa completamente inmerso nela: a razón que goberna a súa relación co mundo e consigo mesmo é, agora, de carácter práctico. O ser humano pasa daquela a comportase como un axente práctico, que crea e actúa.

Cando a filosofía reflexiona sobre o ser humano en tanto que axente que crea e actúa, dicimos que se constitúe como un saber práctico, como unha ciencia práctica, en termos aristotélicos.

O obxectivo da filosofía práctica é saber racionalmente que facer ou como actuar, chegar a reflexións acaídas que poidan ser usadas polo home para actuar sobre o mundo ou sobre si mesmo. A filosofía práctica pensa sobre a acción humana. E dentro das accións hai dúas que preocuparon de xeito especial ao longo da súa historia: a acción moral (tratada pola ética) e a acción política (cometido da filosofía política).

Unha e outra, ética e política, consideramos que van e deben ir entrelazadas, o mesmo que a vida individual e a colectiva. Ética e política constitúen a base principal da actividade humana. Calquera das dúas percuran o ben, ben persoal e ben colectivo. E na búsqueda racional deses dous bens tamén, desde logo, deben contar as formas e os medios, porque nos dous ámbitos é fundamental tamén actuar de maneira correcta e non se contentar só coa consecución mesmo de utópicos e indiscutíbeis obxectivos.

Tanto na determinación argumentada, non condicionada, racionalista e non mítica, e crítica dos bens, como nas formas de conseguilos, apresentáronse diversos camiños ou tendencias ao longo do devir do pensamento.

Persoalmente simpatizo moito coa ética material e racional do epicureísmo. O filósofo grego Epicuro, discípulo dese grande pensador inmanentista que foi Demócrito, no seu “Meneceo” asocia o ben co pracer, e establece que a procura deste debe ser o fin último do home e a xustificación de toda a actividade humana, e o que nos leve á felicidade inmanente, o único paraíso posíbel. Porén, o pracer de Epicuro non fica na superficie da carne, senón que se proxecta ao campo intelectual. Pracer é tamén desfrutar do contacto coa cultura e as súas diversas manifestacións, e a satisfacción que produce a relación fraternal con amizades auténticas.

Conseguirmos a emancipación persoal, liberándonos das ataduras teolóxicas da represión, da culpa e do medo, da sublimación produto do espellismo do falaz paraíso transcendente, pódenos axudar a que agrome unha vida plena, ricaz e leda, e a atopar a buscada felicidade, aínda que sexa nun pequeno recuncho do aquí e agora, apesar da terríbel desvastación social e ecolóxica deste tempo que nos tocou vivir.

A felicidade pode estar tamén nas pequenas cousas do día a día, na ausencia de dor (aponía), na tranquilidade, na ausencia de turbacións, de axitacións e de ansiedade (ataraxia). A aplicación como cálculo dos praceres da prudencia, que é puro racionalismo, faría posíbel conseguir a necesaria saúde corporal e mental.

Gosto moito dese Epicuro anticonsumista e decrecentista, o que defendía a limitación das necesidades inútiles para non acabar sendo escravo delas, “Non é máis feliz quen máis posúe, senón quen menos desexa”. O filósofo que reivindicaba os momentos de lecer. E tamén do Epicuro que consideraba un pracer intenso o cultivo e o coidado dun xardín. En fin, o Epicuro das ideas desa nova civilización, en contacto coa terra e cos homes, en paz coa terra e cos homes, civilización sempre truncada e que aínda está por construír, e que cada vez, pola degradación imperante, é máis necesaria.

A revolución ou a mudanza de toda a realidade, antes e agora, debe comezar polo cambio profundo de cada un de nós mesmos, deixar de sermos uns simples produtores explotados, consumidores e sumisos do sistema e do poder, uns verdadeiros escravos contemporáneos, inconscientes da nosa condición, con vidas máis propias de galiñas de granxa.

Foi unha mágoa que a irrupción do absolutismo teolóxico e político varrese por moitos séculos aquel renacemento que foi o helenismo e filosofías como a representada polo epicureísmo.

Seguidores desta filosofía liberadora e inmanentista, catorce séculos despois, foron os utilitaristas, máis volcados ao colectivo. Bentham defendía o benestar da maioría: “O maior ben posíbel é para o maior número posíbel”. E o altruísmo ideolóxico utilitarista representado por Stuart Mill, autor precedente da liberación da muller e do movimento feminista, que entendía que mesmo se podería aceitar un doloroso sacrificio voluntario sempre que como consecuencia se tivese un maior pracer individual ou colectivo. Os utilitaristas pensaban que a democracia era o sistema mellor para chegar ao obxectivo de conseguir maior felicidade para o maior número de persoas, porque a democracia era o sistema político que maximizaba o pracer.

E neste sentido, perante a destrución actual por mor dese espantoso Leviatán que é a plutocracia elitista gobernante no mundo e, en concreto, neste país, no que sempre se viveu como súbdito, habería que reivindicar e desenvolver na práctica o concepto orixinal de cidadán e amplialo á muller. Cidadán e cidadá non é alguén que só habite nun sitio determinado, senón só quen participe activamente no goberno da súa cidade. Nas sociedades actuais abundan os “idiotés”, como lles chamaban os antigos gregos, -idiotas-, ou sexa, individualistas, pasivos, apáticos, apolíticos, educados polo sistema na obsesión pola produtividade e o consumismo, e intoxicados polo pensamento único. Uns individuos desafectos da política, que era o que quería Sieyés, anulados, desinformados, inconscientes da súa enorme alienación, da escravitude á que están sometidos, deixando irresponsabelmente as súas vidas e o seu futuro nas mans dos irresponsábeis profesionais da política.

Un ser humano sen actividade social e política, non sería un ser humano pleno e realizado. Necesítase volver ao concepto de cidadanía e elaborar un novo modelo de cidadán e cidadá, con educación cívica, implicado/a e participativo/a na actividade social e política, que non ten porque ser en exclusiva partidista. O prometedor Movemento do 15-M expresa a arela de democracia de moitos miles de persoas e entendo que representa unha volta á cidadanía grega e un intento de se achegar ás súas raíces democráticas, asemblearias e participativas.

Se estamos así, con este mundo atroz e este sistema global de salvaxe depredación que é o neoliberal, non só será por culpa dos amos do mundo, senón tamén porque houbo unhas revolucións fracasadas, ou que cando menos sufriron contrarrevolucións, e porque aquí mesmo a esquerda real dos partidos e sindicatos convencionais nos ultimos trinta anos o deixaron avanzar, acomodándose nas institucións e ao sistema, sen transformar nada, procurando ante todo os seus propios intereses corporativos de partitocracia, perdendo cualidade democrática, deixando de lado os intereses do pobo do que dicía proceder e defender.

Moitas revolucións fracasaron e xa se sabe por que. A historia fainos lembrar os motivos. Se somos serios e queremos un cambio profundo e definitivo temos que evitar caer nos mesmos erros e establecer unha base sólida na praxe política e unhas garantías estrictas de actuación das persoas nas institucións, partidos e sindicatos. Se non existen esas garantías crer no cambio sería inxenuo porque nunca se producirá. Esa esquerda incoherente e acomodada ou se rexenera ou desaparecerá. E con ela a sociedade e o planeta enteiro. Chama a atención, como en tempos nos que pola grave crise económica na que estamos podía ter miles de persoas apoiándoa e votándoa, o seu inmobilismo, a súa falta de autocrítica e a súa miopía. Cando a cidadanía lle está dicindo muda, porque necesitamos xa que sexas funcional e contundente, que o sistema nos afoga.

Mas non, non cambia non. Segue nas mesmas. Tampouco acepta o programa que reclama a cidadanía indignada. Continúa desesperada por facer pactos co neoliberal PSOE para entrar nas institucións, e total para despois non facer nada transformador. Para non enfrontarse ao sistema, senón para viver ben a costa del.

Estas son algunhas das características desta esquerda partidista:
  • Mantén cargos públicos e liberados sindicais de por vida.
  • Non mellora a súa democracia interna. Que non se lle pida desaparición do verticalismo, e que sexa horizontal e asemblearia. Ter primarias e listas abertas, non, claro, porque as cúpulas perderían poder. Polo mesmo motivo non lle pidamos consultas á cidadanía vinculantes.
  • Mantén políticos comisionistas con empresas.
  • Non forma politicamente á súa afiliación.
  • É partidaria dese tren destrutor da natureza e fonte de malgasto chamado AVE.
  • Mantén un discurso propio do século XX, desenvolventista. Non é capaz de lle dicer á cidadanía que tres aeroportos e dous portos exteriores e unha cidade da cultura non son necesarios. Será por que co decrecemento non hai relación coas empresas?
  • Os seus cargos institucionais continúan con soldos e privilexios monárquicos, cando non deberían cobrar máis que nos seus antigos traballos.
  • Os seus cargos institucionais a miúdo actúan como monarcas e non como áxiles activistas en contacto coas bases.
  • Etc, etc.

Esa esquerda incoherente, acomodada, aburguesada, afuncional, ou se rexenera ou desaparecerá. A cidadanía non a apoia nin apoiará, por falta de funcionalidade, porque lle serve para moi pouco. Porén, a dereita e a falsa socialdemocracia serven de moito aos amos do mundo e aos seus colegas.

Debe de nacer unha esquerda do século XXI, que impulse un cambio social profundo, absolutamente democrático, horizontal e participativo, baseado na democracia, o máis directa posíbel, contrario á formación de burocracias, clases políticas profesionalizadas, comisionistas e privilexiados. Soberanista e constituinte, republicano, socialista, autoxestionario, decrecentista, pacifista, no que haxa igualdade absoluta entre homes e mulleres, reintegracionista, aberto ao mundo, que axude a conservar o mellor da nosa cultura e a nosa lingua. Unha esquerda galega e cosmopolita, no sentido de Johán Vicente Viqueira: “Cosmpolita é aquel para quen nada humano lle é alleo, non aquel a quen até a súa terra lle é estraña”.


Nota.-

Intervención Manuel Miragaia Doldán, activista social, escritor e filósofo

Sobre as 11 da mañá do Domingo 25 de Setembro de 2011, comezaba a Segunda Mesa da teceira xornada do Foro Social de Ferrol Terra. A Segunda Mesa da xornada e última do Foro refería-se a: "Que cousa é vivir ben? Como queremos vivir? A vida individual e a vida colectiva. Que cambiar e que conservar para ter unha boa vida? ".

A Mesa foi presentada por Bárbara Primo, activista feminista da Marcha Mundial das Mulleres. Participaron nesta Mesa Tareixa Ledo Regal, socióloga, activista feminista, especialista en Terapia do Reencontro, vinculada ao Sindicato Labrego Galego; Manuel Monereo Pérez, advogado, escritor e investigador do Centro de Estudos Políticos e Sociais (CEPS) e tamén Manuel Miragaia Doldán, activista social, escritor e filósofo que falou en segundo lugar despois de Tereixa Ledo. Este texto que agora acabamos de postar publicarase nun libro que vai editar o Consello Local do Foro Social de Ferrol Terra, para a difusión da ideas, reflexións e propostas d@s 19 relatorxs que participaron.

Tamén está previsto publicar as intervencións en vídeo -en dúas versións e ángulos diferentes, das cais xa hai algunha publicada, ademais das sonoras xá publicadas por Rádio Filispim e que no seu día xa reproducimos, neste blogue, xunto ás Galerías Fotográficas.


Enlaces de interese:

Biografía de Manuel Miragaia no Blogue do Foro
forosocialdeferrolterra

Facebook de Manuel Miragaia
www.facebook.com

Manuel Miragaia no buscador de Google
google

Artigos de Manuel Miragaia:

'Vento Fresco' é a sección onde Manuel Miragaia Doldán escribe os seus artigos de opinión que logo publican diferentes medios como El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, e Galicia Hoxe.

Contacto:

manuel-miragaia@mixmail.com
manuel.miragaia.doldan@gmail.com

||||||||||||||||||||||