San Sadurniño ... Relatorio de Secundino García Casal

Agradecendo e presentado

En primeiro lugar gustaríame dar as grazas á organización por artellar unhas xornadas como estas, xa que son unha magnífica oportunidade para debater e compartir ideas, experiencias e boas prácticas.

As teorías e as utopías son necesarias, pero se non teñen unha aplicación práctica moitas veces poden perder o seu interese. Por iso os que estamos ideoloxicamente na esquerda, e máis no actual momento, temos mesmo a obriga de demostrar que as nosas ideas, as nosas propostas, as nosas liñas ideolóxicas son as acaídas para mellorar a calidade de vida do conxunto da sociedade. E iso faise desenmascarando as mentiras que nos fan crer, pero tamén con exemplos prácticos de que outro mundo é posible.

Polo tanto eu estou aquí para falarvos da experiencia do Concello de San Sadurniño durante os últimos catro anos, e agardo que vos poida ser de proveito. En todo caso, se houber algunha dúbida ou cuestión emprázovos ó remate da miña intervención para mantermos un debate, se así o considerades, e deste xeito permitirme tamén aprender de vós.

Cal é o contexto ?

Comezaremos facendo un pequeno resume sobre San Sadurniño.
Ben, somos un concello rural, situado entre a ría de Ferrol e a depresión das Pontes, no val do río Xubia e do seu afluente principal, o Castro. Estamos a 20 minutos en coche, e a 25 en tren do centro de Ferrol. Malia iso, aínda moitos “ferroláns” non nos coñecen, nin saben onde fica San Sadurniño.
Contamos con só 3.098 habitantes, que viven ciscados polos 100 km2 que ten o municipio. A dispersión poboacional é elevadísima xa que temos 7 parroquias e nada máis e nada menos ca 216 entidades de poboación. Esta dispersión, tan característica de Galicia, é unha herdanza da ocupación tradicional do territorio, pero tamén é unha complicación á hora de ofrecer servizos públicos, como pode ser o abastecemento de auga ou a iluminación pública.

Asemade, como o resto de concellos rurais, temos unha poboación moi avellentada (idade media de 50 anos) e cunha baixísima natalidade. O saldo vexetativo negativo compénsase coa chegada de novos habitantes que procuran en San Sadurniño un bo lugar para vivir, ben comunicado e cuns servizos que, ós poucos, imos mellorando, a pesar da situación de crise xeral.

Unha crise que, nembargante, non nos afecta en gran medida. Temos un concello saneado, con liquidez, e sen endebedamento. Por que? Porque o noso non é o modelo especulativo; non tivemos boom inmobiliario; non facemos política nas nubes. Porque o noso modelo é o da economía real, sustentada nos magníficos recursos endóxenos cos que contamos.

Ora ben, a crise na que nos meteron si ten consecuencias negativas tamén no noso municipio. Á parte do incremento do desemprego, o concello está vendo como os ingresos procedentes doutras Administracións están sendo reducidos á mínima expresión.

Se antes os concellos xa tiñamos un financiamento totalmente deficitario, agora é paupérrimo. Pola contra, as competencias son as mesmas ou máis, e cada vez temos máis persoas demandando novos servizos.

A solución a esta situación é ben complexa, pero está claro que con ideas e iniciativa se poden facer moitas cousas. Se inda por riba puidésemos contar con recursos dabondo, as cousas habían ser moito máis doadas e proveitosas.

Os custos dos servizos nun concello galego son moi superiores ós do resto de comunidades do Estado, pero pola contra recibimos mesmo menos ingresos. Os orzamentos municipais en Galicia representan o 50% da media estatal.

Así que o primeiro que temos que facer é demandar unha mudanza radical neste aspecto. Hai que reformar a Administración, para que se achegue á cidadanía. O ámbito local é un espazo privilexiado para construción democrática xa que é o lugar onde con máis frecuencia os veciños e veciñas entran en contacto coa representación política ou co persoal técnico da Administración, onde se materializan normalmente os servizos públicos, e onde a xente se organiza en redes de proximidade.

Po iso a reforma ten que pasar, entre outros aspectos, por reforzar o nivel local, en competencias e sobre todo en recursos financeiros, e por eliminar o superfluo, o negativo, o que crea atrancos:

Hai que reducir o “Estado”. Para que serven o ministerio de Cultura ou os departamentos de agricultura e pesca, cando as competencias as teñen as comunidades autónomas e a Unión Europea. Se queren mudar a Constitución, que empecen por solucionar o problema territorial recoñecendo o dereito de autodeterminación dos pobos, e amañar a situación de crise incluíndo o obxectivo de sustentabilidade económica, social e ambiental, no canto de sacralizar o modelo económico neoliberal.

Por que razón temos que financiar obras faraónicas (autoestradas, camiños de ferro, aeroportos, mega-portos…) para beneficiar só a uns poucos
Por que, nun Estado descentralizado política e economicamente, con máis de 7.000 km de costa, todo ten que pasar polo ermo de Madrid, para xerar deseconomías, como acontece co aeroporto de Barajas ou a saturación do tráfico, ou darlle as costas ó sector naval, ás pescas ou á agricultura e á gandaría atlántica.

Por que temos que aturar as Deputacións, cando son institucións decimonónicas, alleas ó ordenamento tradicional galego, non democráticas e están especializadas en repartir cartos segundo a comenencia e os intereses políticos.
Está claro que o modelo no que vivimos ten que mudar, pero as grandes forzas políticas e os seus testaferros económicos son contrarios a cambios que poidan repercutir sobre os seus privilexios. E iso é contra o que nos temos que enfrontar.

A Sustentabilidade

Nós, dentro da nosa modestia, propomos e actuamos a prol desa mudanza de sistema. E a nosa receita para saír da crise económica, social e ambiental na que nos meteron é a Sustentabilidade, acompañada polas políticas de proximidade, pola democracia participativa:
  • Menos macroeconomía e máis economía real baseada nos recursos endóxenos do territorio.
  • Máis equidade e máis servizos de calidade.
  • Máis conservación da biodiversidade e dos ecosistemas naturais.
  • Máis democracia, máis participación, máis pluralidade, máis convivencia.
É por iso que San Sadurniño, grazas ó apoio do GDR Euroeume, conta cunha Axenda 21 Local dende o ano 2006, e o seu plan de acción serviu de guía para a acción política nos últimos catro anos.

Gobernanza, bo goberno, ... e boas cidadás e bos cidadáns

Podería falar doutras experiencias e iniciativas que implementamos nestes anos, pero prefiro centrarme agora nun concepto que debería ser habitual, e pola contra soa como novidoso, como é a gobernanza ou o bo goberno.

A gobernanza, que representa a entrada da sociedade na xestión pública e a concertación entre os diferentes axentes, debería ser a guía da praxe política de todo representante público. Mais na realidade, no noso contexto é aínda unha utopía.

A moitos encheselles a boca falando de democracia, pero para que haxa unha verdadeira democracia ten que haber bos gobernos, ben xestionados, abertos, eficaces e eficientes. E paralelamente, tamén debe haber bos cidadáns e cidadás, que cumpran cos seus deberes, esixan os seus dereitos e controlen ós seus representantes políticos.

Por desgraza a xente está farta da política; non confía nos representantes políticos, porque non ve solucións ós seus problemas. E o desencanto é tremendamente perigoso, pois xera desafección, individualismo e ó final dálle o poder ós que xa o teñen. Por iso hai que rachar o círculo vicioso, coa democracia verdadeira.

Así, dende hai catro anos estamos traballando para que o Concello de San Sadurniño estea dirixido polo bo goberno, e acade todo o que acabo de indicar. Ora ben, non temos a vara máxica das fadas e non se pode conseguir todo en 4 días.

A gobernanza é un proceso dinámico, no cal hai que implementar políticas de proximidade á cidadanía, hai que aplicar o principio de subsidariedade, hai que ofrecer unha verdadeira apertura e transparencia, hai que asegurar a igualdade de oportunidades e hai que procurar unha concertación social o máis ampla posible.

Seguindo estas premisas San Sadurniño conta cunha Concellería de participación veciñal, que se encarga destes eidos. Ademais, en 2008 aprobouse o Regulamento de participación veciñal, e se constituíu o Consello de participación.
Outro aspecto que se desenvolveu dende o primeiro intre foi a información. Quixemos rachar cun pasado de escuridade, para que toda a cidadanía soubese que se facía no Concello. Por iso potenciouse e ampliouse a páxina web municipal, e xa temos todo preparado para implantar a Administración electrónica.

Ademais comezouse a editar un boletín mensual de noticias municipais, que inclúe exclusivamente información de interese xeral, e que se envía por correo a todas as vivendas do municipio.

Ampliamos a relación de edificios e espazos públicos e melloramos a súa calidade, para facilitar o traballo das asociacións locais, sen exclusións.
Aprobamos unha ordenanza de normalización lingüística, para asegurar o dereito a usarmos a nosa lingua propia.

Organizamos unhas xornadas sobre a ordenación do territorio, e redactouse un folleto sobre este tema que se enviou a todas as vivendas, para que a cidadanía teña información básica sobre como ordenar o territorio e como de fará o PXOM que proximamente presentaremos.

Por último, entre outras iniciativas nos últimos anos propiciamos a creación de Grupos de consumo, que son grupos de persoas que se xuntan para adquirir un produto e negociar mellores condicións e prezos máis reducidos. Fixémolo con ordenadores persoais, para promover a expansión das novas tecnoloxías, e con placas solares térmicas para auga quente. En ambos casos as persoas interesadas obtiveron aforros dun 20% sobre os prezos de mercado.

Os Orzamentos Participativos

Para rematar voume centrar nunha iniciativa novidosa relacionada directamente coa gobernanza: os orzamentos participativos.

O Concello de San Sadurniño, en colaboración coa asociación EuroEume, e coa participación da empresa Proxectos, decidiu pór en marcha en 2008 un dos compromisos electorais que tiña o grupo de goberno de cara a mellorar a praxe democrática e achegarse ás necesidades reais dos seus veciños e veciñas: os orzamentos participativos.

Malia que este tipo de iniciativas xurdiran con bastante anterioridade, San Sadurniño foi o primeiro concello galego en implantar un proceso estruturado, regulado e aplicable a todo o territorio municipal de Orzamentos participativos. Só Fene e Ferrol tamén comezaron con esta proposta, pero Fene abandonouna axiña e Ferrol implantouna de maneira parcial, e a ver cal é o seu futuro co novo goberno local.

O noso modelo é propio, xa que comprobamos que era preciso adaptalo ás características e ás necesidades dun concello como San Sadurniño, que nada ten que ver con Porto Alegre, con contornos urbanos ou con concellos andaluces, onde esta experiencia si tiña un percorrido máis amplo e longo no tempo.

Temos un concello extenso, cunha poboación reducida, moi avellentada, e distribuída en 7 parroquias e 216 entidades de asentamento. Aquí a dinamización e a participación cidadá son máis complexos e laboriosos, e as necesidades da cidadanía tamén teñen características distintivas.

Coa realización do proxecto dos Orzamentos participativos o Concello pretendía acadar os seguintes obxectivos:
  • Desenvolver a gobernanza municipal no eido da participación, implicando á cidadanía na redacción e aprobación dunha parte dos orzamentos municipais.
  • Incrementar o grao de democracia, avanzando cara á democracia participativa.
  • Aplicar o principio de subsidariedade, achegándose ó nivel máis baixo e importante: as necesidades obxectivas das persoas.
  • Aumentar a lexitimidade da acción de goberno, e o apoio cidadán ás súas decisións.
  • Incrementar a transparencia, pois son as persoas implicadas as que toman unha parte das decisións.
  • Continuar cos traballos de participación iniciados coa Axenda 21 Local, e avanzar cara a sustentabilidade, guiados polas necesidades da cidadanía.
  • Implicar á veciñanza nas decisións do Concello, e lograr o seu entendemento, e a súa participación directa nas decisións. Ademais aumentará o seu coñecemento do territorio, das outras parroquias e da situación e das necesidades da súa propia.
  • Lograr que sexa unha Escola de cidadanía, e de aplicación da Ética republicana, segundo a cal todos/as debemos procurar o ben xeral.
  • Traballar na constitución das parroquias como entidades territoriais de participación e de xestión de obras e outros servizos, e avanzar cara ós Consellos parroquiais.
  • Crear metodoloxías e organismos permanentes de participación, que permanezan no tempo aínda que mude o goberno municipal.
  • Mellorar a imaxe pública do Concello, tanto interna como externamente, con iniciativas novidosas e dinámicas.
Para simplificar a metodoloxía que empregamos é a seguinte, aínda que tamén está en continuo proceso de adaptación e mellora.

Destinamos ó redor do 10% do capítulo VI de investimentos para aplicar os Orzamentos participativos.

A cantidade resultante distribúese por parroquias, aplicando unha fórmula de reparto que teña en conta variables de extensión, poboación e núcleos, así como un coeficiente corrector que evite grandes diferenzas entre as parroquias.

No mes de setembro ábrese a convocatoria, enviando a todas as vivendas do municipio un folleto informativo sobre o proceso.

Recíbense as propostas, que logo se presentarán nas asembleas parroquiais, onde os cidadáns e cidadás maiores de 16 anos escollen, priorizando as accións máis necesarias e urxentes.

As propostas resultantes presentaranse á Mesa dos orzamentos, na que están políticos, técnicos e un representante de cada parroquia escollido nas asembleas, quen tomará a decisión final. O resultado preséntase nun acto público, que é unha asemblea cidadá de celebración democrática.

Por último as propostas son incluídas no documento do proxecto dos orzamentos do ano vindeiro, que se presentará ó Pleno municipal do mes de novembro.

En definitiva o Orzamento Participativo é unha ferramenta de participación, reflexión e xestión mediante a cal a veciñanza propón e decide sobre o uso dunha parte dos Orzamentos Municipais. Ou sexa é un espazo de xestión conxunta entre os políticos e a cidadanía.

Estamos moi satisfeitos coa experiencia. Os políticos podemos charlar cos veciños e veciñas, coñecer os seus pareceres e as súas prioridades. Ademais vemos que as propostas aprobadas son atinadas e moi sustentables: expansión da rede Wimax, suxeición dos colectores do lixo, camión de recollida de voluminosos, numeración de todas as vivendas, amaño de certos camiños e estradas, melloras nos locais sociais parroquiais, alumeado sustentable etc.

Ora ben, tamén hai eivas e problemas. O principal é a baixa participación. Temos en conta que estamos nun concello cunha poboación maior, pouco dinámica, que ten que facer un esforzo para ir ás asembleas. Aínda que en Porto Alegre, en 1989, só 403 persoas participaron nas discusións dos orzamentos participativos.

En todo caso, é preciso dinamizar máis á poboación, para que participen e asuman a súa responsabilidade. Necesitamos que se convertan en protagonistas activos do que ocorre no seu concello. Non nos interesa que sexan simples números ou usuarios de servizos, queremos que sexan cidadáns e cidadás.

Gratitude e compromiso

Remato reiterando o que dixen ó principio. Coido que para saír da crise e para construír unha nova sociedade hai ideas, hai alternativas, e mesmo hai organizacións políticas que apostan por modelos autocentrados e baseados na sustentabilidade. O que precisamos é o recoñecemento, o apoio e a implicación de máis persoas, de máis colectivos, para convertermos as ideas en feitos.
Grazas e fico ó voso dispor para debater e aprender.

Nota.-

Intervención de Secundino García Casal, alcalde de San Sadurniño.

A primeira hora da mañá, do Domingo 25 de Setembro de 2011, comezaba a Terceira Xornada do Foro Social de Ferrol Terra. A primeira Mesa da mañá, e quinta do Foro, refería-se a: "Outros concellos, outras realidades. Que institucións queremos? É posíbel outra política, outra xestión municipal? Cara un poder popular constituínte?".

A Mesa foi presentada por Lupe Ces Rioboo, activista social, integrante da Marcha Mundial das Mulleres. Participaron nesta primeira Mesa: Martiño Noriega Sánchez, alcalde de Teo;  Juan Manuel Sánchez Gordillo, alcalde de Marinaleda, Sevilla; e Secundino García Casal, alcalde de San Sadurniño que interveu en primeiro lugar. Este texto que agora acabamos de postar vai ser publicado nun libro que vai editar o Consello Local do Foro Social de Ferrol Terra, para a difusión da ideas, reflexións e propostas d@s 19 relatorxs que participaron.

Tamén está previsto publicar as intervencións en vídeo, das cais xa hai algunha publicada, ademais das sonoras xá publicadas por Rádio Filispim e que no seu día xa reproducimos xunto as Galerías Fotográficas.


Enlaces de interese:

Biografia de Secundino no Blogue do Foro
forosocialdeferrolterra


Facebook de Secundino
http://facebook.com/secundinogarcia

Secundino no Twitter
http://twitter.com/#!/SecundinoGarcia

Blogue de Secundino
http://secundinogarciacasal.blogspot.com/

Secundino no buscador de Google
google

Web oficial do Concello de San Sadurniño
http://www.sansadurnino.es/

San Sadurniño na Galipedia-Wikipedia
http://gl.wikipedia.org/wiki/San_Sadurniño

|||||||||||||||||||||||||||||