“E, non ou”, ... Relatorio de Ana Belén Puñal Rama

“E, non ou”

Por Ana Belén Puñal Rama, xornalista e investigadora en comunicación e xénero.

Nunca as dicotomías son tan fixas como nos poidan parecer. As cousas, di a sabedoría popular, non son nin brancas nin negras. E, aínda que a pregunta da que parte esta mesa formula unha dicotomía –“Forzar os medios ao cambio, ou cambiar de medios” –, eu creo que non debemos falar de “ou” senón de “e”.

Porque, para forzar aos medios ao cambio, é preciso darlles a ver que estamos dispostas a responderlles con voz crítica e en alto, a pasar deles se é preciso (porque quitarlles público é darlles onde máis lles doe) e mesmo a crear as nosas propias alternativas e loitar cos nosos propios medios.

Temos que, na mina opinión, actuar en todas as liñas: forzar aos medios convencionais ao cambio, para o que se necesita unha cidadanía crítica e disposta a actuar, e termos capacidade de organización suficiente como para, aproveitando as ferramentas das novas tecnoloxías da comunicación, crear os nosos medios e cos nosos propios medios. Porque os que nós poidamos xerar, dende a cidadanía máis crítica, son urxentes e obrigados, como esperanza do presente e semente do futuro, como foro onde debater e visibilizar aquelas ideas e realidades que non teñen sitio noutras pantallas, como espazo de vangarda. Mais non debemos esquecer que a incidencia nos medios convencionais, ata onde poidamos forzar e presionar, segue a ser necesaria, pola capacidade de impacto que teñen sobre a maioría da poboación.

O primeiro que me gustaría recalcar é que debemos defender con unllas e dentes o que xa temos. Poida que non o valoremos, pero chegar a tecer a rede de medios en galego coa que, até hai aproximadamente un ano, contabamos, custou moito. Moitos traballos, moita suor, moitas dificultades, e ao longo de non poucos anos. Foron medios creados con tanta ilusión, con tanto compromiso, con tanta vontade, con tanto voluntarismo, con tanta enerxía xerada na crenza firme naquilo no que se estaba a facer, que custaría imaxinar, dende fóra, os escasos recursos cos que se conseguiron sacar adiante. E ese tecido destruíuse a pasos axigantados sen que case ninguén, diga nada, faga nada ou se indigne.

Os medios en galego desaparecen e a sociedade non se inmuta. Por que non nos indignamos? Por que non se indigna a sociedade? Non somos conscientes, e dígoo dende a miña experiencia durante anos en TEMPOS Novos, un dos poucos medios en galego que aínda resiste, progresista e de clara implicación co tecido máis dinámico e coas voces máis críticas do país, das dimensións do que estamos a perder, da cantidade de esforzo que estamos a botar por terra, do capital humano formado e comprometido que deixamos sen alternativa, do que vai supor ter que nalgún momento volver comezar de cero.

Se queremos medios en galego, temos que implicarnos cos medios en galego. Dío a revista TEMPOS nunha autopromoción inserida nun dos seus últimos números: “Celébranos en vida para non ter que chorarnos de mortos”. E temos que facelo, na miña máis modesta opinión, cunha voz unida e forte, porque, alén diferenzas ideolóxicas, alén a leira da que cadaquén tome parte, hai un denominador común no que debemos coincidir: os medios en galego son necesarios, e son un capital acumulado que non debemos deixar perder sen máis. Non só polo feito de estar en galego, e o servizo que cumpren a prol da normalización da lingua, senón tamén polo papel que tiveron na creación de Galicia como espazo informativo propio, cunha axenda e cun tipo de información diferenciada da da prensa galega en castelán. Aínda sabendo que os movementos da historia son pendulares, non nos podemos volver a permitir esta nova oscilación até zona cero. Sería demasiado tempo perdido, demasiada enerxía perdida, demasiado capital humano perdido, para nada.

Digo que non nos damos conta das dimensións do que perdemos porque crear un medio de comunicación, profesionalizado, non é sinxelo.

Primeiro, pola peculiaridade do sector: Un sector que, no caso da prensa escrita, leva anos xa en crise, suxeito á continua perda de lectores e lectoras e á constante mingua da calidade xornalística, á loita pola publicidade e as subvencións, co servilismo que supón, á reconversión tecnolóxica cos gastos que iso implica, á adaptación a un mundo, como internet, no que se sabe que hai que estar pero do que, como empresa, é aínda difícil obter beneficios.

Segundo, e fundamental, porque un medio de comunicación é, tamén e sobre todo, un ecosistema. Os incendios arrasan nun segundo hábitats que levou séculos construír. E nos medios pasa o mesmo. Un medio de comunicación son as súas fontes, que cómpre tecer e coidar con todo o mimo, a súa rede de colaboradoras e colaboradores, o capital humano e profesional que nel e para el se forma, a súa capacidade de reacción ante o que o rodea. É unha determinada maneira de organizarse, de presentarse, situarse e asentarse ante o público, a creación dunhas determinadas rutinas. Todo iso é un mecanismo enorme, unha gran bola, que hai que facer funcionar día a día, con profesionalidade, e con responsabilidade, porque nesta complexa trama gárdanse dereitos e liberdades constitucionais que son alento da democracia: a liberdade de expresión e o dereito á información. Facer que ese mecanismo vaia sobre rodado, que a máquina funcione engraxada, leva tempo, e por iso digo que non é fácil queimar todas as velas para volver comezar outra vez de cero. E por iso digo que, xa que deixamos perder tanto, non deixemos esfumarse tamén o que aínda temos, as cabeceiras que aínda resisten á queima.

Os tempos son difíciles, para todas, para todos, e máis aínda para os medios e calquera outra iniciativa cultural en galego, porque ao igual que sufrimos nós, sofren as editoriais, sofren as iniciativas de compromiso coa lingua e co país. Non contamos co apoio do goberno autonómico, para quen somos ideoloxicamente non afíns, e polo tanto inimigos e non merecentes do apoio público. A lingua, como ben a defender, semella non contar para eles coa menor relevancia. Así as cousas, liquidarnos en momentos de crise é case tan fácil como deixar que a corrente leve unha pluma. Podemos lembrar as declaracións do director de Galicia Hoxe cando tiveron que pechar a porta:

Galicia Hoxe desaparece porque vostede (Feijóo) camiña diante polo camiño do auto-odio, Galicia Hoxe desaparece porque o seu Goberno lle pechou con estrondosa hostilidade as axudas que alegremente reparte noutros campos mediáticos, Galicia Hoxe desaparece porque non estamos dispostos a 'dicir que chove cando o que fan é mexar por nós'. Pode pasar todo isto e que non nos indignemos? Que non reaccionemos? Que non saia de nós unha resposta cívica unida?”

Fronte aos medios de comunicación convencionais, a cidadanía debe actuar de maneira directa, coa voz en alto, pero tamén con man esquerda, sabendo cales son as súas rutinas, os seus puntos febles, as posibles portas de entrada. E cal é o punto feble dun medio? Un dos máis importantes, a súa voracidade constante de información e a escaseza de recursos para atendela. Necesitan información, rápida e facilmente dixerible, para poder saír ao día seguinte, ou no informativo de dentro dun par de horas, e canto máis elaborada mellor, e se pode ser diferenciada do resto dos medios mellor aínda, porque os seus cadros de persoal non contan co suficiente número de xornalistas nin moitas veces con xornalistas especializados/as e abondo formados e formadas nas diferentes áreas de especialización xornalística, dado que prefiren á información barata á información de calidade e ao consecuente investimento en formación de recursos humanos. Na medida en que as fontes lles fagan chegar a información o máis elaborada posible, e adaptada ás súas rutinas, terán máis probabilidade de introducirse na súa axenda.

Ademais das directrices rexas que veñan marcadas de arriba, non podemos esquecer que os medios están conformados por persoas, por xornalistas de a pé, coas súas propias sensibilidades, cos seus propios ideais. Os medios convencionais non son muros compactos. A esas e eses profesionais que poden ser sensibles á mensaxe do tecido cívico máis comprometido cómpre chegar porque aí hai unha posible fírgoa pola que entrar.

Sei que moitas veces as portas están pechadas con varios cerrollos pero outras moitas, hai fendas que comezan a abrirse, e que cómpre saber aproveitar. Pero para iso, o tecido cívico organizado ten que ser coñecer como os medios funcionan e dedicarlle parte do seu esforzo a comunicar e contactar con eles.

Poño un exemplo extraído do movemento feminista. En 1978 celebráronse en España as primeiras xornadas gobernamentais da condición feminina. Varias organizacións feministas estiveron reclamando, ao longo da súa celebración, a elaboración de conclusións máis progresistas. Organizáronse varios actos de protesta á porta do Pazo de Congresos e algunhas representantes conseguiron estar presentes na rolda de prensa oficial que se celebrou tralo acto de clausura. Varios medios dirixíronse a elas para saber das súas propostas. “Non houbo resposta, incluso chegou a escoitarse que se querían saber o que estaban reivindicando asistiran ás reunións que se celebraban os martes pola tarde na súa sede social”, di María Soleto, directora da Fundación Mujeres. Esta actitude é comprensible pero non estratexicamente adecuada. Digo comprensible, porque o tecido cívico bate unha e outra vez co silenciamento, coa terxiversación, coa criminalización das súas mobilizacións por parte dos medios. Pero non estratexicamente adecuada, porque se está negando unha oportunidade de facer chegar máis lonxe a súa voz, e máis cando hai xornalistas interesadas e interesados en amplificala.

Dende o movemento feminista, xurdiron iniciativas exemplares nos últimos anos no ámbito da comunicación, como as axencias de prensa especializadas na elaboración de información con perspectiva de xénero, que lles fan chegar aos medios, elaborada e redactada segundos os esquemas xornalísticos ao uso, para facilitar así a súa publicación. Tal é o caso da axencia de noticias AmecoPress, xurdida no seo de AMECO (Asociación Española de Mujeres Profesionales de los Medios), e doutras axencias como a catalá La Independent e a vasca Píkara Magazine, que teñen como antecedentes a veterana axencia de noticias CIMAC ou a arxentina Artemisa Noticias.

Funcionan así como fendas abertas para a introdución da perspectiva feminista e de xénero nos medios.

Dende o tecido cívico temos que estar dispostas e dispostos a dar o máximo para facer chegar as nosas voces á sociedade. Porque comunicar é existir, é estar. A comunicación é instrumento de cambio, e temos que ser sempre conscientes de como chegar máis aló de nós mesmas, de nós mesmos, do noso círculo próximo. Que sexamos sempre as mesmas persoas as que nos encontremos en determinados foros, xornadas ou actos públicos revela un fracaso á hora de comunicar a nosa mensaxe e de atraer con ela.

As organizacións do tecido cívico son fontes de información esenciais, importantísimas, polo seu carácter experto, por ofrecer non só información senón tamén coñecemento, por dar as claves para interpretar e coñecer o mundo. Dende elas teñen xurdido, dende o final da ditadura, numerosas iniciativas de comunicación, dende revistas impresas nacidas xa neses primeiros anos, até o mundo de internet. Son bo exemplo da información como contrapoder. Mais eu creo que, para chegar máis aló do ámbito no que cada organización se move, sería interesante que xurdiran iniciativas de comunicación conxuntas, transversais, que fosen foro común e punto de encontro, porque a voz unida de todos/as é máis probable que soe máis alto e ecoe máis lonxe.

Nun estudo elaborado en 2007 dende o grupo de investigación CIDACOM da USC, respecto ás publicacións do terceiro sector en Galicia, o 90% das organizacións consultadas consideraban que deberían estar máis en relación. E o 80% confiaba no establecemento dunha rede, como vía de comunicación cara ao exterior e para o intercambio entre elas. Ademais, do diálogo entre organizacións, do compartir problemas comúns como nos casos das publicacións impresas, a distribución ou a procura de financiamento, poderíase chegar a solucións comúns.

Crear medios alternativos dende o tecido cívico? Si, dende logo, pero, na miña opinión, débese facer:
  • Unindo forzas en proxectos comúns de comunicación.
  • Conseguindo proxectos que comuniquen cara ao exterior, para públicos non concienciados.
  • Contar cos e coas profesionais dos medios, que coñecen como adentrarse nas rutinas e nas axendas dos mesmos.

Crear novos medios profesionalizados? Si, sempre e cando sexa posible e viable, porque da súa necesidade non temos dúbida, máis agora, que acabamos de asistir a funerais de tantas cabeceiras en galego. Mais, na miña opinión, unha vez máis, coido que debe facerse aproveitando o estrume e a experiencia que nos achegan as iniciativas que durante anos fixeron camiño.

Os medios de comunicación non son só un instrumento de comunicación. Comunicar é existir. A comunicación, ben entendida, é tamén transformar. O xornalismo real, dicíao Kapuscinski, ten un obxectivo: provocar cambios. A comunicación é tamén motor de desenvolvemento, como nos ensina a ampla liña de traballo coñecida como comunicación para o desenvolvemento, asentada sobre todo en Latinoamérica.

Non minusvaloremos a súa importancia. A capacidade de mobilización que tiveron as redes sociais nos países árabes, e aquí o 15M, así nolo demostran. Non debemos estar á marxe do seu potencial. Porque, ademais, a súa filosofía, en rede, conecta de cheo coa propia esencia das redes cívicas. Aproveitémola para os nosos fins.

As épocas de crises son tamén épocas de oportunidades. Ogallá a caída dun mundo traia outro mundo novo e máis esperanzador. E para iso teremos que contar coa comunicación, cos medios, con eses grandes fabuladores da sociedade actual.


Nota.-

Intervención de Belén Puñal Rama, xornalista e investigadora en comunicación e xénero, foi redactora da revista Tempos Novos.

Pouco antes do mediodía do Sábado 24 de Setembro de 2011, comezaba a segunda Mesa da segunda xornada do Foro Social de Ferrol Terra. A segunda Mesa refería-se a: "Son posíbeis outros medios de comunicación? Forzar os medios ao cambio, ou cambiar de medios? Hai alternativas?".

A Mesa foi presentada por Xesús Manuel Díaz Suárez, activista sindical e do movimento veciñal, membro da Executiva Comarcal da CIG e Vogal da Directiva da Asociación Veciñal de Esteiro. Participaron nesta segunda Mesa: Lois Rodríguez Martínez, cofundador da Asociación de Medios en Galego; Mariano E. Fernández Cabarcos, Coordenador Legal da Rede de Medios Comunitarios (ReMC)l; e Ana Belén Puñal Rama, xornalista, investigadora, foi redactora da revista Tempos Novos que falou en segundo lugar despois de Lois Rodríguez. Este texto que agora acabamos de postar vai ser publicado nun libro que vai editar o Consello Local do Foro Social de Ferrol Terra, para a difusión da ideas, reflexións e propostas d@s 19 relatorxs que participaron.

Tamén está previsto publicar as intervencións en vídeo -en dúas versións e águlos diferentes, das cais xa hai algunha publicada, ademais das sonoras xá publicadas por Rádio Filispim e que no seu día xa reproducimos, neste blogue, xunto ás Galerías Fotográficas.


Enlaces de interese:

Biografia de Belén no Blogue do Foro
forosocialdeferrolterra

Facebook de Belén
www.facebook.com

Belén no buscador de Google
google

Webs de interese onde participa Belén
http://www.amecopress.net/
http://www.temposdixital.com/
http://www.observatoriodosmedios.org/

Contacto: bpunal@xornalistas.com

||||||||||||||||||||||