Como podemos frear a perda de dereitos, ... relatorio de Suso Díaz

COMO PODEMOS FREAR A PERDA DE DEREITOS
Por Xesús Díaz Díaz -Suso Díaz, obreiro metalúrxico, xubilado de ASTANO, activista sindical e analista político.

Quixera comezar polo final contestando que é posible frear a perda de dereitos si os e as traballadoras e as persoas individual e colectivamente participamos, nos organizamos e nos mobilizamos na súa defensa. Cando nos agreden témonos que defender e a única forma é a participación nos partidos políticos de esquerda, sindicatos de clase e movementos sociais (ecoloxistas, feministas, AAVV, APAs, etc.) imprescindible para organizar as mobilizacións necesarias que eviten o recorte de dereitos e, aínda máis, os amplíen. Se non hai organización dificilmente podemos combater a un sistema capitalista que non só é inmoral e inxusto senón que é un sistema depredador e todos os cualificativos que se queira, que todos son válidos.

Pero antes de chegar ao final quixera falar dalgunhas cousas do pasado. É certo que neste momento de crise perdemos dereitos de forma acelerada pero convén non esquecer que vímolos perdendo dende o inicio dos anos 80 (Reagan, Thatcher) coa extensión do discurso único neoliberal urbi et orbi a todos os lugares do planeta: dende a vila máis pequena ata a cidade máis grande. Discurso único que, en parte, foi asumido pola socialdemocracia o que ten graves consecuencias para a cidadanía. Con elo o sistema capitalista consegue rachar a primacía que tiñan os valores de esquerda na sociedade dende o final da II Guerra Mundial para impoñer os valores da dereita.

Por exemplo, estes días o ministro de Traballo, Valeriano Gómez, quérenos vender que é mellor que un ou unha moza traballe con contrato temporal a que permaneza no paro, como si fora inexorable a precariedade dos e das mozas para ter un posto de traballo. Ben, iso mesmo xa llo escoitamos a Felipe González no ano 1984 para xustificar a extensión da contratación temporal para empregos que eran fixos e permanentes nas empresas. Pois ben, para que serviron esas políticas, cales foron os seus resultados? Para nada, as e os mozos seguen a sufrir unhas taxas de precariedade e de paro insoportables. O discurso de González e Gómez é un discurso mentireiro e o saben: con el só pretenden xustificar desregular e precarizar o mercado de traballo. Os resultados desas políticas son coñecidos: a contratación temporal pasou do 13% en 1987 a máis do 30% na segunda metade dos 90. España triplicaba a taxa de contratos temporais da UE-15; aínda hoxe, con 5 millóns de parados, máis que duplicamos esa taxa. Somos o pais con cifras mais vergoñentas de contratos temporais: cada mes en torno ao 93-95% do total de contratos que se realizan son temporais. Miles deles feitos en fraude de lei sen que o goberno do PSOE articule ningunha medida efectiva para combater esa fraude. Á vez esa precariedade non resolve o problema do paro como aseguran dende o goberno: aí están os 5 millóns de parados, cifra insólita no contexto da UE; incluso nos anos de maior crecemento económico o paro rondaba os 2 millóns. En fin, coa aplicación destas políticas neoliberais España ostenta tres tristes “records”: ser o país con maior paro, con maior precariedade e con maior taxa de accidentes de traballo.

A precariedade provoca unha tremenda inxustiza no traballador ou traballadora que sofre esta situación. A ninguén se lle escapa que un traballador temporal non pode exercer os seus dereitos, non pode exercer a súa dignidade como persoa e traballador porque si os exerce é inmediatamente despedido ou non se lle renova o contrato, que é exactamente o mesmo. Por iso non teñen máis remedio que aceptar xornadas máis longas e salarios máis baixos que as fixadas nos convenios, porque saben, ademais, que os gobernos non poñen os medios para perseguir esta fraude. En bastantes casos a situación destes traballadores é case de escravismo.

Pero, no fondo, estas políticas pretenden outro obxectivo; afectando individualmente aos traballadores representan un ataque ao movemento sindical. A partir da precariedade do traballo os sindicatos de clase perden capacidade de mobilización. Con isto non pretendo xustificar a pasividade actual dos sindicatos senón subliñar un feito real. Cando se convocan mobilizacións os temporais non poden tomar a decisión de secundalas e iso afecta tamén aos e as fixas; por iso dende as empresas con moita temporalidade demandan aos sindicatos piquetes que xustifiquen a súa non asistencia ao traballo ou si queren, a súa participación na mobilización. Hoxe hai que facer mais esforzo que antes -cando non existía a precarización- para conseguir o éxito das mobilizacións.

No mesmo sentido a socialdemocracia ten asumido outros valores da dereita en materia social como, por exemplo, o recorte de pensións para consolidar -din- a súa sostibilidade. Si Felipe González provocou a primeira folga xeral do período democrático en España contra o recorte de pensións en 1985, o goberno de Zapatero ven de aplicar un novo recorte na súa cuantía e a ampliación da idade de xubilación ata os 67 anos. Os argumentos do goberno para xustificar estas medidas non se sosteñen: a ameaza de que o sistema vai quebrar no ano 2040 é pura ficción. A este respecto lembren cando La Caixa, nun “sisudo” informe feito por economistas neoliberais, afirmaba que o sistema público de pensións quebraría no ano 2000. Que sabios! Mellor, que lacaios do sistema financeiro que deberían ser castigados por mentir deste xeito! O que pretenden, claro, é debilitar o sistema público, asustar á cidadanía e potenciar os fondos privados de pensións. Lembren que, hoxe, malia a crise o fondo de reserva das pensións públicas ascende a máis de 64.000 millóns de euros.

Outro tanto pódese dicir da redución de impostos, asumido pola socialdemocracia. Non esquezamos que os impostos foron o instrumento fundamental para crear os estados de benestar despois da II Guerra Mundial. Ademais os importantes sistemas fiscais en EEUU e Europa deron lugar ao período de maior e de máis grande desenvolvemento económico dos países. Incluso sendo presidente o xeneral republicano Eisenhower, o tipo nominal para os máis ricos acadaba o 91%! Foron Reagan -que baixou o tipo para os ricos ao 28%!- e Margaret Thatcher os que, en aplicación das teorías dos economistas da escola de Chicago, involucionaron a fiscalidade para reducir o estado ao mínimo privatizando ás empresas e os servizos públicos esenciais.

En España, Aznar con dúas reducións de impostos e Zapatero con unha -fundamentalmente aos ricos e as grandes empresas- diminuíron os ingresos do estado en torno a 23.000 millóns de euros ao ano. O frívolo de Zapatero chegou afirmar que baixar os impostos era de esquerdas. As consecuencias desas reducións de impostos teñen graves consecuencias dende o inicio da crise pola forte redución dos ingresos do estado. Así Zapatero, en Maio de 2010, en vez de establecer unha reforma fiscal que aumentara os ingresos, como mínimo neses 23.000 millóns de euros ao ano, optou polas consabidas receitas neoliberais e pola mal chamada política de austeridade (Merkel-Sarkosy) que levan ao desastre ao país e aos e as traballadoras: 5 millóns de parados e cantos máis nun futuro próximo?. E todo isto cando a contribución fiscal en España é 8,9 puntos inferior a UE-15 consecuencia do incumprimento constitucional dos principios de igualdade e progresividade. Si lle engadimos a fraude fiscal que nun 75% provén das grandes empresas e grandes fortunas por un importe de 42.700 millóns de euros ao ano, segundo o sindicato GESTHA e a economía somerxida que acada o 23,3% do PIB temos o cadro completo da inxustiza fiscal deste país. Zapatero e o PSOE non se deron conta de que son, precisamente, os países que mantiveron unha forte fiscalidade os que non sofren o problema da débeda, caso dos países nórdicos.
En fin, a asunción pola socialdemocracia de parte do discurso neoliberal facilitou o cambio dos valores da sociedade. O sistema capitalista consegue rachar a primacía que tiñan os valores da esquerda na sociedade dende a II Guerra Mundial en favor dos valores da dereita.

Coa chegada ao poder de Reagan e Thatcher a principios dos 80 e o xiro á dereita da socialdemocracia comeza a perda de dereitos. Gústenos ou non a socialdemocracia vese pola sociedade como esquerda -de feito a maioría da súas bases o son- e iso facilitou aos gobernos do PSOE o recorte de dereitos, entre outras razóns porque era máis difícil a unidade de acción sindical. Esa política contra os e as traballadoras do PSOE favorece os recortes cando goberna a dereita (PP), caso dos gobernos de Aznar e, neste momento, o de Rajoy.

Por outra banda, en 1989 cae o muro de Berlín, é dicir, desaparece o bloque socialista que servía de contrapeso dun sistema capitalista que se vía obrigado, nos países desenvolvidos, a manter uns salarios e uns estados de benestar decentes -non en España que vivíamos baixo a ditadura fascista de Franco-. De feito, o único sistema que existe no mundo é o sistema capitalista. Por tanto, o capitalismo xa non ten que gardar as formas, xa ten barra libre para agredir e recortar os dereitos dos e das traballadoras, que foron conquistados despois de moitos anos de loita.

Hoxe o sistema capitalista ten montado un complexo global para expandir a ideoloxía neoliberal sen precedentes. Os medios de comunicación máis importantes (prensa, radio, TV) din, no fundamental, o mesmo cando tratan as políticas neoliberais: eu non sabería distinguir entre EL País e ABC, cos matices que se queira, cando tratan de temas económicos e sociais. Por certo El País leva unha temporada enchendo páxinas e páxinas para xustificar que a sanidade pública é insostible e potenciar, loxicamente, a sanidade privada. E isto ocorre con todo o público: o discurso único dos medios de comunicación é realmente único.

No plano político pasa exactamente igual. Cantas veces aparece IU en El País ou na SER -que pasan por ser medios “progresistas”- ou son entrevistados os seus dirixentes? Poucas e ás veces aparecen para mal, para resaltar algún debate en negativo ou conflitos internos. As alternativas políticas de IU e doutras forzas da esquerda real apenas aparecen nos medios de comunicación.

Noutro aspecto, a lei electoral vixente é inxusta e con graves eivas democráticas: un voto non vale o mesmo para o PSOE e o PP que para IU. A lei electoral provoca o bipartidismo e fai que IU teña máis dificultades para entrar nos parlamentos ou obter resultados importantes. Nas eleccións xerais do 20-N do ano pasado obtivo 11 deputados, que deberían ser 25 cun sistema máis proporcional. Os 14 deputados que non conseguiu foron para o PSOE e para o PP. Como se sabe, a lei electoral da lugar, ademais, ao mal chamado voto útil que consiste en que moitos cidadáns que desexarían votar a IU, nas provincias onde esta forza non ten representación, voten ao PSOE o que, tamén, distorsiona o resultado electoral. En fin, con esta lei impídese que nos parlamentos haxa máis voces anticapitalistas que defendan coherentemente aos e as traballadoras e as capas da poboación máis desfavorecidas.

En conclusión, o que pretende o discurso único neoliberal é destruír os valores colectivos e solidarios e a creación de persoas individualistas, insolidarias e desarraigadas da súa clase. Antes os traballadores tiñamos claro a pertenza á nosa clase, hoxe pretenden e conseguen convencer a moitos de que non existen as clases -para agochar a súa loita, claro-, de que todos e todas somos clase media ou consumidores e o valor que se difunde é o de sálvese quen poda; o resto non importa. Nin que dicir ten que isto afecta negativamente aos partidos de esquerda e os movementos sociais.

Os sindicatos de clase que, por suposto se poden e se deben criticar como a calquera outra institución, son un instrumento fundamental para combater o neoliberalismo e crear conciencia de clase. Pero, obviamente, cometen erros. Sen ir máis lonxe, os que diriximos os sindicatos hai anos cometemos o erro de non formar politicamente aos e as delegadas sindicais para xerar cadros sindicais con perspectiva de clase. Limitámonos a darlles as e aos delegados sindicais unha formación chamémoslle técnica, para entendérmonos (manexo do Estatuto dos Traballadores, seguridade social, saúde laboral, etc) pero non lles demos unha formación política (que é o capitalismo, que o socialismo, a explotación de clase, que propoñen a esquerda e a dereita e a quen representan, como e por que naceron os sindicatos, as loitas fundamentais ao longo da historia, etc.) imprescindible para crear persoas e sindicalistas de esquerda e con conciencia de clase.

As persoas que hoxe se incorporan aos sindicatos de clase son mozos e mozas que naceron na democracia e que nunca militaron nos partidos políticos de esquerda. Os sindicatos de clase poden e deben facer dos cadros sindicais cadros políticos de esquerda. Os dirixentes actuais non deberían cometer o mesmo erro que os dirixentes anteriores pero, desgraciadamente, o cometen. Si se realizara esta formación política as alternativas dos sindicatos chegarían mellor e con máis claridade as e aos traballadores nos centros de traballo e, por tanto, sería máis fácil a mobilización cando os gobernos e a patronal pretenden recortar os dereitos laborais e sociais. Tamén permitiría ao sindicalismo de clase combater a ideoloxía do capitalismo na perspectiva da necesaria transformación dese sistema inmoral e inxusto.

Os sindicatos de clase son exércitos importantes cunha gran capacidade de mobilización, aínda que levan uns anos que non mobilizan o que deberían. Pero non podemos caer na descualificación dos sindicatos porque iso só favorece a dereita política e mediática. Todo o contrario, as persoas conscientes deben participar neles para cambiar aos dirixentes que non cumpren o seu papel e para cambiar a dinámica actual de pouca mobilización.

A organización dos sindicatos é moi importante: existe a Confederación Europea de Sindicatos (CES) e a Confederación Internacional de Organizacións Sindicais Libres (CIOLS), ás que están afiliados moitos millóns de traballadores e traballadoras. Que ocorre para que non haxa unha resposta a nivel europeo e mundial, máis efectiva, malia ás agresións dos gobernos e a patronal? Desgraciadamente, as distintas situacións nos países e a división sindical na práctica impiden esa mobilización malia a que o recorte de dereitos dáse, con maior ou menor virulencia, en todos os países. Para o caso de Europa a pasividade da CES está relacionada coa pasividade dos sindicatos da Europa central e nórdicos. Esquécense que país a país é máis fácil a derrota dos e das traballadoras e do movemento sindical e que ningún país vaise salvar.

O sindicalismo europeo e mundial ten organización dabondo e capacidade de mobilización, o que non ten e vontade política de levala a cabo. Para mostra dous exemplos: no século XIX instaurouse o 1º de Maio como día de loita en todo o mundo e froito das mobilizacións en todos os países, fundamentalmente nos máis desenvolvidos, ao longo dos anos conquistáronse a xornada de 8 horas e outros moitos dereitos. O 15-M ven de conseguir unha mobilización en 90 países malia a que non dispón, ni con moito, da organización dos sindicatos.

Por tanto, témonos que mobilizar a nivel de cada país, de cada localidade, de cada sector da produción e dos servizos. Pensando no que acontece coa sanidade en Galicia, o sindicalismo de clase non pode facer o que fixo en Madrid e no País Valenciá: deixar sós aos e as traballadoras da sanidade pública na súa defensa. En Galicia, afortunadamente, as plataformas de defensa da sanidade pública, nas que participan os sindicatos, están a convocar importantes mobilizacións a niveis locais e de Galicia cunha gran participación da cidadanía. Pero iso non é suficiente: algún día, seguramente en relación cos presupostos da Xunta, os sindicatos de clase deberían convocar unha folga xeral contra os recortes e a privatización dos servizos públicos esenciais.

En conclusión, as persoas conscientes teñen que militar nos movementos sociais para levar as ideas do cambio social a todos os lugares e para defender e mellorar as condicións de vida e de traballo da cidadanía; para combater a ideoloxía neoliberal e poñer en valor os valores da esquerda.

As persoas máis conscientes temos a obriga de xogar ese papel. Mirade, no franquismo creouse un sindicato (CCOO) para mobilizar aos e as traballadoras na defensa dos seus intereses e para loitar pola liberdade e a democracia, malia ser unha inmensa minoría os que o fixeron. Hoxe hai democracia -imperfecta, pero democracia- e malia o discurso único temos a posibilidade de cambiar as cousas por medio da participación. Non afirmo que sexa máis fácil hoxe que antes; simplemente afirmo que depende da nosa participación que as cousas cambien. Nese sentido non valen as críticas descualificadoras dos partidos de esquerda e dos sindicatos porque iso é facerlle o xogo -sen querer, seguramente- á dereita, é dicir, ao sistema capitalista; outra cousa son as críticas razoables co obxectivo de mellorar a participación, a organización e facer avanzar os valores da esquerda política e social. En fin, a situación é difícil e complicada pero non atopo outra maneira para combater o discurso neoliberal, frear os recortes de dereitos e facer que os valores da esquerda sexan o sinal de referencia da sociedade que a PARTICIPACIÓN, a ORGANIZACIÓN e a MOBILIZACIÓN. Non hai outra alternativa.

Nota.-

Na tarde, do Sábado 24 de Setembro de 2011, comezaba a cuarta Mesa da segunda xornada do Foro Social de Ferrol Terra. A cuarta Mesa refería-se a: Como podemos frear a perda de dereitos? É posíbel frear a ofensiva capitalista? Con que ferramentas contamos e cuais temos que construír? Unidades ou confluencias? Poder político ou poder mobilizador?.

A Mesa foi presentada por Xoán Lorenzo Lourido, activista social, vinculado a Nova Escola Galega e ao STEG.

Participaron na citada Mesa Merche Díaz López, da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública, sindicalista da CIG; Silvia Bermúdez Pérez, licenciada en dereito, vinculada á FESGA;  Vitoria Iglesias Morales, activista feminista da Marcha Mundial das Mulleres; e Xesús Díaz Díaz, ex-secretario xeral de CCOO-Galicia que o fixo en terceiro lugar, antes de Vitoria.

Este texto que agora acabamos de postar publicarase nun libro que vai editar o Consello Local do Foro Social de Ferrol Terra, para a difusión da ideas, reflexións e propostas d@s 19 relatorxs que participaron.

Pode-se acceder ao vídeo de Suso Díaz que dura case 20  minutos. Máis adiante publicaremos a mesma intervención en vídeo desde outro ángulo.

Enlaces de interese:

Biografía de Suso Díaz no Blogue do Foro
forosocialdeferrolterra

Facebook de Suso Díaz
www.facebook.com

Suso Díaz no buscador de Google
google 1
google 2
google 3

Artigos de Suso Díaz:

Os seus últimos artigos foron publicados en:

Contacto:

xesusdiazdiaz@hotmail.com

||||||||||||||||||||
________________