O BO VIVIR... VIVIR BEN...
Moi bo día a todas e a todos.
Graciñas a cantas persoas e colectivos organizastes este espazo de encontro e debate, este espazo de utopía. Porque, se estes espazos son sempre necesarios, coido que neste momento -ademais de necesarios- están a ser imprescindibles.
Graciñas, ademais, por invitarme a participar nesta mesa redonda para compartir con vós algo das miñas buscas, das miñas reflexións, dos meus soños. Que non van ser completos -evidentemente- mentres non poñades vós tamén en xogo as vosas buscas, as vosas reflexións e os vosos soños...
O bo vivir...
No ano 2008, a nova Constitución Política de Bolivia introduce no Preámbulo e en varios artigos o concepto de “VIVIR BEN”. Xa o fixera o Estado de Ecuador con anterioridade.
Así, por exemplo, a Constitución de Bolivia adianta no seu artigo 8:
“O Estado asume e promove como principios ético-morais da sociedade plural: ama qhilla, ama llulla, ama suwa (non sexas frouxo, non sexas mentireiro nin sexas ladrón), suma qamaña (VIVIR BEN), ñandereko (vida armoniosa), teko kavi (vida boa), ivi maraei (terra sen mal) e qhapaj ñan (camiño ou vida nobre). (…)
Mais, que cousa é VIVIR BEN?
Para min, VIVIR BEN é sentirme con dereito ao espazo que ocupo.
É conectar coa enerxía de vida que aniña en min e vivir desde aí: aquí, agora, neste mesmo instante.
É vivir sentíndome protexida e mimada, nun contexto seguro. Sen medos, sen pantasmas... con aliados e aliadas. Con amigos e amigas.
É vivir acompañada, querendo e deixándome querer. É ter bicos e caricias, e poder regalalas tamén...
É abrazar á xente.
VIVIR BEN é respirar ben. É mexar e cagar ben, e que todo o meu organismo funcione axeitadamente.
VIVIR BEN é ter auga limpa para beber e tamén poder comer todos os días.
É ter alimentos sans e pararme a saborear a comida.
VIVIR BEN é sentir a calor do sol na miña pel e poder ver a lúa pola noite. É dar un paseo entre as árbores, bañarme na praia, camiñar cos pes na herba...
VIVIR BEN é ter un acubillo para contemplar a chuvia... Ter un lugar onde vivir... Se cadra unha casa pequecha e bonita, acolledora e aberta. Se cadra unha casa con eido... E con outras casas cerca e boa veciñanza... Iso sería vivir moi ben!
VIVIR BEN é poder bailar ou tocar un instrumento. É escoitar un concerto ou facer tai-chi.
VIVIR BEN é mirar un bebé e miralo con acougo... Coller no colo unha bebiña e gozar con ela.
Ou facer-nos cóxegas co Miguel e coa Silvia. E carreiras de patinete coa Sara. É andar en bici co Unai e facer un castelo de area co Xabi e co Iago...
VIVIR BEN é o pracer de ler unha boa historia ou unha poesía. Tamén é unha charla cunha amiga.
VIVIR BEN é vivir a gusto coa familia (sexa cal sexa). E, de cando en vez, que haxa desencontros e caer na conta dos propios fallos e ir aprendendo...
É saber que vou chegar á casa e que estás. E que vas chegar á casa e estou eu...
VIVIR BEN é ter un traballo que me gusta e gozar traballando. É facer algo e quedar satisfeita, a gusto...
VIVIR BEN é ter algún obxectivo para min e un montón de proxectos para o meu barrio, para a miña aldea, para o planeta. E traballar neles, colaborar neles para que o mundo sexa algo mellor...
VIVIR BEN é aprender algo novo cada día, medrar persoalmente e comunitariamente, como fai unha árbore.
É vivir nunha sociedade libre e democrática, e saber onde piso e como piso.
É poder desafogar.
É rir moito e rir a gargalladas. E tamén sorrir.
VIVIR BEN é facer cousas xuntas. É agradecer o remate da xornada, deitarse na cama a descansar ou a sacar o camisón.
VIVIR BEN é non querer todo o que se ve. É pensar en cada momento qué me da felicidade e asentarme aí.
VIVIR BEN é ter o necesario para vivir. Non ter menos do necesario. E tampouco non ter máis.
En suma, para min vivir ben é vivir desde a terra... É vivir desde a terra, con tempo e con tenrura...
1º MOVEMENTo. VIVIR BEN é vivir con tempo...
Ter tempo para ser. Ter tempo para estar.
“Non teño tempo”... axendas, presas, reloxos, presas, autoestradas, aves, presas, teléfonos móbiles, correo electrónico, “non teño tempo”...
Un tempo e un espazo. Ter espazo para ti. Ter espazo para min...
Slowly... Ir ao meu ritmo. Vivir ao meu ritmo. Lentamente... Lentamente? Ao meu ritmo, sen máis!!!
Ritmo, cadencia, baile... Tempo para o baile e a música. Tempo para o pracer. Tempo para a delicadeza e a dozura. Tempo para o xogo e a brinqueta, para enredar e folgar...
Escoitar o propio son. Escoitar o son da terra.
Silencio. Escoitar o silencio.
Escoitar... que medo! Buuu!
Escoitar e estar. Escoitar e escoitarse. Escoitar a ese outro, a esa outra. Escoitar á árbore. Escoitar ao río. Escoitar á ra e á pedra...
Escoitar á xente. Escoitar ao pobo. Escoitar a voz do pobo.
E quen é o pobo? O pobo es ti e son eu. O pobo somos nós. Non é Esperanza Aguirre, aristócrata e liberal a ultranza que non trae esperanza... ata o seu nome mente... (e non teño nada contra ela, só que busco e ando a construír esperanza verdadeira...).
Tempo é o ritmo das avoas e dos avós.
É escoitar os xemidos da xente angustiada e ter vagar para prestarlles atención... O laio desa emigrante rumana, os choros daquel vello solitario, as queixas dun parado calquera... (e recorda, todas e todos nós somos nalgún momento estranxeiros, vellas ou paradas, xente desvalida...).
Escoitar as súas soidades, as súas demandas... E articular espazos para recoñecer a valía das súas vidas.
Programas, actuacións e servizos para dignificar as nosas vidas. Para recoñecérmonos dignos, dignas para a vida.
Xa non quero un papá-estado, señorías (señores da esquerda e da dereita). Non, tempos pasados! Quero unha mamá-estado, unha irmá-estado, unha amiga-estado, que incorpore ao centro do seu proxecto político o cariño e o coidado, a ansia pola xente.
Nunca máis armas, especulacións, mercados e capitais financieiros marcando pauta e prioridades!
Precisamos buscar un novo centro: a Vida.
2º MOVEMENto. VIVIR BEN é vivir desde a terra...
Terra amada. Terra esquecida. Terra espoliada...
Terra e sol. Terra e vento. Praia... Terra e auga...
Todo se compra e todo se vende. Tamén a auga. Aí está a lei de Augas (Lei 9/2010), aprobada polo Parlamento de Galicia. Un intento máis de privatización dos nosos recursos básicos. Outro intento das multinacionais de apropiarse dos bens comúns para controlalos e sacar beneficio deles.
Todo vale para o capital. Todo se transxeniza. As sementes, os cerebros, a vida...
Todo se consume e se incorpora á lóxica da mercantilización ata quedarmos baleiras. Mesmo os nosos corpos!
Lei capitalista. A selva. Gaña o máis forte.
Quero volver ao fogar. Unha cova. Unha carballeira.
Quero sementar. Quero comer. Prato para todos e todas. Explotación agraria ou casa de labranza?
Quero unha casa enraizada na terra. Unha casa para a xente, para a miña xente, para a humanidade. Un fogar.
Unha casa para o gando, para as vacas, para as pitas e o can. Casa de todas e todos. Tamén desa pobre de pedir, dese transeúnte.
Unha casa sen xerarcas nin patróns. Sen xefes da casa. Casa comunitaria onde cada orixinalidade teña cabida, teña o seu sitio e o seu sentido.
Este é o soño que me move. A utopía que me inspira e me mobiliza. Eu tamén son terra. Estamos a inventar o novo. Todo é posible...
Todo é posible aínda que os monstros asoman: os fundamentalismos da dereita máis rancia, os ditados dos mercados e do Fondo Monetario Internacional, a Constitución inamovible que agora se moveu...
Monstros feroces, sanguinarios, que precisan vidas humanas para alimentarse e medrar (mirade a fame no corno de África, sangría humana!).
A miña indiferenza tamén é un monstro. O meu silencio cómplice. O meu individualismo cómodo, o meu illamento. E o teu!
Tráfico de nenas, explotación de seres humanos, emporcallamento do planeta... son outros monstros.
Eu quero ser fermosa e valente. Quero tocar terra. Quero pisar terra. Quero vivir “cos pes na terra” (como dicía o lema do V Congreso do Sindicato Labrego Galego no ano 1998).
Quero vivir enraizada. Conectada coas miñas orixes de terra e auga. Líquido amniótico e sangue de vida.
O ventre da nai é redondo... Eu aposto polo círculo... non me gustan as cuadraturas. O círculo é onde cada quen ten lugar e palabra en igualdade (estou sendo atrevida, seino!).
Debuxar círculos, tecer redes, construír futuro, danzar gargalladas, xantar en comunidade, coidarnos colectivamente... Vivir iso e articulalo socialmente, politicamente, é un atrevemento. É un acto de ousadía. É vello como as nosas avoas e é novo como iso novo que soñamos para despois facelo realidade.
Quérote, amor...
3º MOVEMENto. VIVIR BEN é vivir con tenrura...
Afectos.
Facer política desde a tenrura, desde as entrañas, coma esa nai que terma e alimenta ao seu meniño ou meniña.
O público e os servizos públicos fronte aos intentos de privatización neoliberal. Perigo de morte!!! Coidado!!!
A organización colectiva. A autoorganización. Os indignados e indignadas do 15 M. Os Foros Sociais en todo o mundo...
A xente. O pobo... “O pobo unido xamais será vencido”, berraban convencidos os vellos comunistas noutrora.
O feminino. As mulleres. As bragas das mulleres. A regra no centro da vida social, como na “Tenda Vermella”, ese libro fermoso de Anita Diamant...
As fillas e os fillos...
A vida. A vida no centro da vida social. E o amor de bandeira. A era das patrias deixa paso á era das matrias. Un cambio de era. Un cambio de sentido. Un cambio de rumbo.
Avións, coches... Quero poder andar a pe. Quero aprender a andar a pe!
Con Gioconda Belli e as protagonistas da súa última novela “El país de las mujeres”, quero instituír un novo xeito de facer política. Quero construír o espazo público desde o pracer. Como ese Partido da Esquerda Erótica que elas fundaron.
Si, reivindico o erotismo. O erotismo para a cama. O erotismo para as relacións. O erotismo para a política (grazas Kate Millet -pensadora feminista de mediados do século XX- por descubrirnos que o persoal é político!).
Aposto polo erotismo, porque Eros quere dicir Pracer, quere dicir Vida. Quere dicir Pracer de Vivir. E eu estou empeñada na vida. Na miña vida. Na vida para todos os seres. Na vida do planeta.
“Je déclare l´état de bonheur permanent” cantaba Moustaki nos anos 70... Si, declaro a felicidade (sermos felices!!!) como novo dinamismo estrutural -económico e político. A felicidade como novo dinamismo relacional. Como novo dinamismo interno para as nosas vidas... Como novo dinamismo no a dentro e no a fóra.
Tempo! Terra! Tenrura!
Tres movementos para unha danza antiga. Tres movementos para un novo ritmo...
En moitos lugares pequenos -marxinais, periféricos, insignificantes-, moita xente pequena -marxinal, periférica, insignificante- está/estamos a transformar o mundo...
Ao solpor, na asemblea do Foro Social de Ferrolterra, o chiar dos paxaros do campus achegaron propostas novidosas... Escoitástelos?
Tareixa Ledo Regal.
25 de setembro de 2011.
Tareixa Ledo Regal, socióloga, activista feminista, especialista en Terapia do Reencontro, vinculada ao Sindicato Labrego Galego.
||||||||||||||||||||||||||||