Convocado o "Foro Social de Ferrol Terra" para os días 23, 24 e 25 de Setembro de 2011

A convocatoria deste proceso de encontro, reflexión e creación de espazos de colaboración, que vai ter lugar na comarca de Ferrol Terra, os próximos 23,24 e 25 de setembro, é froito do esforzo colectivo e de necesidade, mostrada por unha parte importante das organizacións sociais da comarca, de realizar unha posta en común das análises e alternativas para afrontar a realidade social, política e económica. Unha posta en común que axude a criar espazos de entendemento e colaboración, tan necesarios nesta férrea ofensiva neoliberal, de perda de direitos e liberdades, e de deturpación democrática.



No desenvolvemento deste proceso, cumpre subliñar o chamamento aberto a un sector amplo do movemento asociativo e organizativo da Comarca, para sumar-se ao proceso dun Foro de ambito local, que acordou na reunión celebrada o 5 de Xuño nos locais da Asociación Veciñal "O Rosario" do Inferniño, realizar o "Foro Social de Ferrol Terra" os días 23, 24 e 25 de Setembro.

Que é o Foro Social?

O Foro Social “é un espazo aberto de encontro para: intensificar a reflexión, realizar un debate democrático de ideas, elaborar propostas, establecer un libre intercambio de experiencias e articular accións eficaces por parte das entidades e os movementos da sociedade civil que se opoñan ao neoliberalismo e ao dominio do mundo polo Capital ou por calquera forma de imperialismo e, tamén, empeñados na construción dunha sociedade planetaria orientada cara a unha relación fecunda entre os seres humanos e destes coa Terra”[*].

O Foro Social é un espazo de encontro, confrontación de ideas e colaboración dos movimentos e persoas, a nivel mundial, que acreditan que un outro mundo é posíbel e, cada día con máis urxencia, necesario.

Na nosa comarca, a crise económica vomitada polo capital financeiro na súa enchente especulativa, os problemas medio ambientais, o camiño cara á marxinación e á pobreza por onde van transitando cada vez mais sectores da nosa sociedade, a restrición de dereitos ... precisan dun esforzo colectivo para facer-lles frente e dar-lle a volta.

O "Foro Social de Ferrol Terra" pode ser o espazo que nos permita ás organizacións e activistas, un encontro de reflexión en común e unha oportunidade para criar dinámicas de colaboración. Esta colaboración fai-se imprescindible, frente á ofensiva que o capital nos ten preparado para este outono en Europa, e que tamén na nosa comarca, ten a súa expresión nos distintos proxectos que emanan das novas corporacións, e que debemos afrontar.

O movemento ecoloxista, o sindical, o feminista, o veciñal, o cultural; as distintas plataformas que actúan en Ferrol Terra (a da defensa da sanidade pública, a da defensa da Ría, o Comité Cidadá de Emerxencia, a da Auga, a da defensa da Lingua, a da defensa do Pico Vello, a do Tren, ...); o movimento 15M dos indignad@s; o Mercadiño do Troco, a Masa Crítica de Ferrol Terra, Rádio Filispim; o movimento libertario; a Comisión Veciñal para a promoción da participación cidadán; as persoas con vínculos partidarios ... podemos encontrar neste espazo, tres días para reflexionar e trazar, dentro da diversidade, un camiño común para comezar con máis forza este outono que se nos presenta enchido de obxectivos e de loitas, que non nos podemos dar o luxo de perder.

Quen convoca o Foro Social de Ferrol Terra?

Este documento convocatorio está asinado por un grupo inicial de entidades que veñen participado no Consello do Foro Social Galego (Marcha Mundial das Mulleres; A.C. Fuco Buxán; Colectivo Ártabra 21; Comité Cidadá de Emerxencia para a Ría de Ferrol; Foro Galego de Imigración; Sindicato de Traballadores do Ensino de Galicia). Mais a convocatoria do Foro, será asinada polas organizacións que se sumen ao mesmo. Polo de agora, o Colectivo OPAII -Ondas Para Activación Información Independente | Rádio Filispim no 93.9 da FM -radio libre e comunitaria da comarca de Trasancos; Asociación Veciñal de Esteiro; e a Rede de Converxencia Social "Praza Pública"

Que esquema organizativo tería o Foro Social de Ferrol Terra?

Na citada reunión acordou-se un determinado esqueleto para coordinar temas, espazos e tempos, baseado nunha manifestación, un concerto e nove actividades, das cais tres serían asembleas de debate e concreción de alternativas.


Nota.-

[*] Primeiro punto dos catorce que consta a “Carta de Principios do Foro Social Mundial”, aprobada e adoptada en Sãou Paulo, o 9 de Abril de 2001, polas entidades que constitúen o Comité de Organización do Foro Social Mundial. Aprobada con modificacións polo Consello Internacional do Foro Social Mundial o dia 10 de xuño de 2001 [http://www.forumsocialmundial.org.br].

|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||